Town Hall
Town Hall > Local Government Areas > Culture and Tourism

CULTURE AND TOURISM

Abre fiestra nova Send a friend  Abre fiestra nova Print

O TEATRO CHEGOU AO CONCELLO DE LUGO DA MAN DE MELA CASAL E GLORIA FERREIRO

26/3/2008 As dúas actrices lembraron que o día 27 de marzo é o Día Mundial do Teatro


O Alcalde de Lugo, José López Orozco e a Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, contaron cunhas convidadas de excepción para lembrar aos lucenses que mañá é o Día Mundial do Teatro: as actrices Mela Casal -a alcaldesa da serie Mareas Vivas- e Gloria Ferreiro.

López Orozco explicoulles a “aposta forte que fai o Concello para a formación teatral e tamén para a programación continuada de obras de teatro”. O mandatario municipal destacou a traxectoria profesional de Casal e Ferreiro “veñen ademais a unha cidade que ama o teatro, aí está a nosa programación, teatro galego, clásico, grecolatino, maxia e unha Aula Municipal de Teatro que imparte clases durante todo o ano”.

A Aula de formación teatral do Concello comeza a súa andadura no ano 2002 baixo a dirección de Xuventude, faino como un curso de iniciación que se prolonga dende xaneiro a xuño do mesmo ano. A partir do 2005 pasa a formar parte da Concellería de Educación, tendo como espazo de traballo o Centro Social de Fingoi.

Durante o presente ano, a Aula, desenrola o seu traballo en dous grupos de adultos e nove grupos máis en distintos centros de ensino público da cidade: Colexio especial Santa María, Fingoi 2, Casas, Anexa, Virxe dos ollos grandes, As mercedes, Leiras Pulpeiro, Sagrado Corazón e A Ponte.

Tanto o responsable municipal como as actrices destacaron a importancia cultural e o papel socializador e educador do teatro “un pode vivir neste mundo outras vidas”.

López Orozco anunciou ademais que un dos proxectos do equipo de goberno é a Casa do Teatro, xa recollido nos orzamentos deste ano. “En Lugo hai unha gran aficción polo teatro e o mundo da escena en Galicia parece que vai ocupando o seu lugar”.

Coincidindo co Día do Teatro o Concello de Lugo dende a súa Concellería de Educación, organiza teatro nas Escolas e tamén polas rúas. Os Clowns “Pallasos”, Larapeto e Zapatollas, formado por ex alumnos da Aula de teatro, farán un ano máis un percorrido por distintos colexios de primaria para darlle a coñecer aos máis pequenos o día a celebrar.

O Alcalde entregoulles ás actrices, como recordo da cidade, unha maqueta da Muralla. Mela Casal contou a anécdota de que ela sempre que viaxa a algún punto da provincia de Lugo acaba perdéndose dando un paseo arredor da Muralla.

 
Privacy Policy Abre fiestra nova Legal notice Abre fiestra nova Accessibility Abre fiestra nova Web map Plan Avanza,Abre fiestra nova    Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova