Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

FESTIVAL INTERNACIONAL DE LITERATURA E ARTE CON RETRANCA


# Venres, 27/03/2015
27 de marzo

O I Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca réndelle homenaxe a esa habelencia tan de noso


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O HUMOR CAMPARÁ POR LUGO ADIANTE DO 6 ao 12 DE ABRIL

  • O encontro contará cunha beberaxe feita para a ocasión, a “Retrancus”, “posiblemente a peor cervexa do mundo (ou non)”, e dará cabida a propostas e actividades do máis dispar, dende concertos en bata e zapatillas, danza “fresca” no Mercado ou a entrega do I Premio Post Mortem

  • Entre os invitados  figuran xentes tan excepcionais e variopintas coma o escritor Fernado Schwartz, o cineasta José Luis Cuerda, o humorista  Róber Bodegas e os actores Sergio Pazos e Carlos Blanco

O humor con maiúsculas enseñorarase de Lugo entre o 6 e mais o 12 de abril. O I Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca poboará a cidade de achegas culturais de toda índole cun obxectivo único: renderlle homenaxe a esa habelencia léxica dos galegos mestura de ironía, sentido duplo, sarcasmo e surrealismo, que lle dá apelido ao encontro lugués: a retranca. Unha peculiaridade difícil de definir, pero que ter, témola, e se cadra mesmo explica o feito de que o evento en cuestión sexa diferente de vez, ben pouco ao uso. Un foro, ao cabo, no que se vai poder gozar asemade dun concerto en bata e zapatillas, un espectáculo de danza “fresca do día” no Mercado de Abastos, unha “plantá” de patacas no Museo de Historia ou a entrega dun premio concedido post mortem; un Festival, ademais, no que as sombras, quer quince quer cincuenta, serán dun Chivi e ata dun Rei, pero sen un só Grey polo medio.

O Festival da Retranca contará con convidados de excepción, mais tan dispares coma o escritor Fernando Schwartz, o cineasta José Luis Cuerda, o humorista Róber Bodegas ou os actores Sergio Pazos e Carlos Blanco. Aló na sede central do encontro, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) –un dos edificios de arquitectura moderna máis singulares de Galicia-, os participantes laretarán acotío de dous en dous, baixo o formado de entrevista, sobre asuntos tan aquelados como a seriedade do humor ou a vida conxugal, e ata confrontarán humor e terror, por exemplo.

Haberá polos bares unha bebida en exclusiva, a “Retrancus”, “posiblemente a peor cervexa do mundo (ou non)”, e para picar, as tapas ad hoc que servirán aqueles establecementos “co bo humor garantido”. As librarías tamén se implicarán no Festival, de tal xeito que, na Carpa das Letras Retranqueiras, porán á venda decote exemplares das obras dos convidados, que serán asinadas en vivo e directo polos seus autores. A Carpa das Letras estará aberta dende o martes, día 7, ata o domingo, derradeira xeira do encontro, na Praza Mayor luguesa. Outras moitas propostas retranqueiras faranse en prazas e recantos singulares de aquén da muralla, en forma de espectáculos improvisados ou ben concertos ao aire libre.

Xunta os xa citados, nesa semana na que a retranca farase unha máis entre nós, haberá outros moitos persoeiros de primeira fila. Escritores como Manel Loureiro, Pedro Feijoo, Jerónimo Tristante  e Manuel Avilés; os humoristas Laureano Márquez, considerado un dos mellores do mundo, e os Tonys, Tony Antonio e Tony Melero; tamén músicos, Los Gandules, Impresenteibols e José Córdoba “El Chivi”; os artífices de Titirimundi, e os artistas Antonio Sobral e o “perversionista” Luis Nieto; sen esquecermos do mago Rafa e, por se fose pouco, xornalistas da talle de Xosé Manuel Pereiro e Camilo Franco.

Todas as actividades do Festival, organizado pola Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude  e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, serán de balde, e mesmo contarán cun servizo de bus dende o centro da cidade ata o MIHL con dúas saídas diarias.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova