Imprimir

O CONCELLO AVANZA NOS TRABALLOS PARA ABRIR DOUS NOVOS TREITOS DO PASEO INTERIOR DA MURALLA


27/3/2015 Xa están contratados os controis arqueolóxicos nas zonas de Vía Romana e Clérigos

O Concello de Lugo xa contratou os traballos arqueolóxicos para o acondicionamento de dous novos treitos do paseo interior da Muralla. Os proxectos para a apertura dos novos treitos do paseo interior, que se van executar con cargo ó Plan Urban, son os de Vía Romana e Clérigos.

A Xunta de Compras aprobou hoxe a contratación dos traballos de control arqueolóxico que é preciso facer nas dúas zonas coas que se proxecta ampliar o Paseo interior da Muralla. O importe é de 6.171 euros e a empresa encargada de facer os controis arqueolóxicos é Engobe Arqueología.
 
O Alcalde explicou na presentación dos dous proxectos, o pasado luns, que con estas dúas novas actuacións, xa son sete as intervencións feitas no Paseo interior con cargo ó Plan Urban, cun investimento total de 878.314 euros.

Un dos novos treitos que se vai acondicionar, o de Vía Romana, suporá unha actuación nunhna superficie de 574 metros cadrados e terá unha lonxitude de 80 metros lineais. O seu presuposto é de 156.400 euros.

A segunda das intervencións producirase na zona de Clérigos, un treito que se corresponde con tres parcelas que xa está calificado como vial no PEPRI e que será peonil. Neste caso, suporá o acondicionamento dunha superficie de 430 metros cadrados e permitirá abrir 37 metros lineais de paseo interior. O orzamento para esta actuación será de 117.992 euros.

A creación do Paseo interior da Muralla é un dos logros que está a facer posible o Plan Urban, grazas ó cal os lucenses e quen nos visita temos a oportunidade de disfrutar máis aínda do noso principal monumento. O Plan Urban, que está a desenvolver numerosas iniciativas para a mellora estética, modernización e dinamización económica e turística do Casco histórico de Lugo. Neste proxecto, que cofinancia a Unión Europea nun 80%, tamén colaboran económicamente o Concello de Lugo e a Deputación provincial. 

Pavimentación de rúas

Este venres tamén se reuniu a Mesa de Contratación do Concello que admitiu as ofertas presentadas por 21 empresas no concurso para a contratación mediante lotes das obras de pavimentación nas rúas Marina Española, Ortega y Gasset, Cornubia e Pintor Corredoira.

Dado que algunhas das ofertas poden estar incursas en baixa temeraria, a Mesa de Contratación decidiu darlle un prazo de tempo ás empresas afectadas para que xustifiquen as súas propostas.

O Concello sacou a licitación este contrato para a pavimentación das catro rúas cun investimento total como máximo de 207.000 euros, ive incluído.

O orzamento máximo de cada lote é o seguinte: pavimentación en rúa Pintor Corredoira 101.500 euros, Cornubia 39.500 euros, Marina Española 37.000 euros e Ortega y Gasset 29.000 euros.