Imprimir

CONCELLO E ARMADA RENOVAN OS SEUS VÍNCULOS NOS ACTOS QUE CONMEMORAN, EN LUGO, O LUNS SANTO


30/3/2015

O Alcalde e o Almirante Xefe do Arsenal Militar de Ferrol presidiron os actos da mañá nos que desfilaron unha escuadra de gastadores, dúas seccións de Infantería de Marina e unha unidade de música do Tercio Norte, así como unha sección de marinería do Arsenal militar de Ferrol

A Armada participa, un ano máis, na procesión da Virxe da Esperanza que terá lugar esta tarde polas rúas do Casco histórico

O Concello de Lugo e a Armada de Ferrol renovaron esta mañá os lazos que unen a ambas institucións dende hai máis de 60 anos na organización dos actos de Luns Santo nos que, como é tradición, a Armada escolta á Virxe da Esperanza na súa procesión polas rúas de Lugo.

Este Luns Santo, a Armada está a cumprir, un ano máis, coa tradición de apoiar a Semana Santa de Lugo. Esta mañá numerosos lucences congregáronse na praza Maior onde tiveron ocasión de contemplar a parada militar que resultou máis vistosa, se cabe, grazas ó bo tempo reinante.

Os actos comezaran na Casa do Concello, onde o Alcalde, José López Orozco, acompañado pola Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e o resto da Corporación municipal recibiron ás autoridades.Nos actos tamén participaron representantes da Confraría da Virxe da Esperanza, encabazados pola Irmá maior da mesma, Mª Isabel Lagares Mosquera. Deseguido, as autoridades civís trasladáronse aos soportais da praza Maior, onde estaban formadas as tropas, compostas por unha escuadra de gastadores, unha unidade de música e dúas seccións de Infantería de Marina do Tercio Norte, así como unha sección de marinería do Arsenal militar de Ferrol.

Diante da Casa do Concello, deuse a benvida ó Almirante Jefe da Armada de Ferrol,  Almirante Manuel Garat Caramé, que encabezou a representación militar. Despois de pasar revista ás tropas e saudar ás autoridades civís, o Almirante e o Alcalde presidiron a tradicional parada militar, na que se rendeu homenaxe ós que deron a vida por España e, posteriormente, tivo lugar un desfile das tropas.

Unha vez rematado o desfile, que foi presenciado por un número importante de persoas, as autoridades acudiron ó despacho da Alcaldía, no que López Orozco, deu a benvida aos membros da Armada e sinalou que “un ano máis é un pracer ter na nosa cidade á Armada española”. Tamén lembrou que “durante máis de 60 anos ininterrumpidos a Armada vén participando na Semana Santa lucense” e salientou que esta é unha tradición “que forma parte da nosa historia, polo que non a discutimos senón que a afirmamos porque sería tanto como discutir unha parte importante da nosa historia”.

Pola súa parte, o Almirante Xefe da Armada dixo que “para a Armada é un orgullo e unha satisfacción vir cada ano a Lugo, onde nos sentimos extraordinariamente ben tratados e onde conectamos máis aínda coa terra á que servimos”.

Xa pola tarde, ás sete e media terá lugar a recepción ás autoridades no Concello e ás 20.30 está programada a saída da procesión da Virxe da Esperanza da Igrexa da Nova. O itinerario da procesión que organiza a Insigne Confraría da Virxe da Esperanza recorrerá a praza de Anxo Fernández Gómez, Campo Castelo, Ronda da Muralla, Bispo Aguirre, fondo da Praza Maior, Conde Pallares, Santo Domingo, Raíña, Praza Maior (diante do Concello) e rematará na praza de Anxo Fernández Gómez.

Esta tradición ten a súa orixe nos anos da Guerra da Independencia, cando o Tercio Norte tomou parte activa na defensa da cidade de Lugo, en 1809, derrotando aos franceses no sitio actual das Gándaras. Esa vitoria do Tercio Norte evitou a toma da cidade polas tropas de Napoleón. Xa a mediados do século XX, en 1953, o entonces Ministro da Mariña recibiu, no nome da Armada, o título de Irmán Maior Honorario da cofradía da Virxe da Esperanza e a partir desa data a Armada participa ininterrumpidamente nos actos da Semana Santa de Lugo escoltando na súa procesión a Virxe da Esperanza.