O Punto de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT) é un novo servizo do CEI orientado a estimular a creación de empresas. Trátase dunha iniciativa gratuita destinada a emprendedores e pequenos empresarios que lles ofrece a éstes asesoría na xestación da empresa e durante os primeiros anos da mesma, ademais de iniciar e completar o trámite administrativo de creación dunha sociedade.
O PAIT busca axudar na creación de empresas sólidas e competitivas a partir do fomento da Sociedade Limitada da Nova Empresa (SLNE), un novo réxime xurídico que garante que o patrimonio persoal e empresarial estean separados e que está pensado para os proxectos empresariais máis pequenos (proxectos de 1 a 5 socios e incluso unipersoais) e que conten cun capital social mínimo de 3.012 euros.
A súa principal carácterística é que ten un dobre papel, por un lado asesora os emprendedores na xestación do proxecto e durante os primeiros anos de actividade e polo outro inicia e completa o trámite administrativo de creación da sociedade. Deste xeito, no PAIT recóllense todos os datos necesarios para a constitución dunha pequena empresa e trasládanse a cada un dos organismos que interveñen nese trámite. De seguido concértase unha cita en liña para que o emprendedor acuda ao notario e éste lle outorgue a escritura de constitución da empresa.
Dende o PAIT realízanse tamén os trámites ante a Seguridade Social (dar de alta a empresa, o traballador ou traballadores e os socios).
Seguindo esta metodoloxía o emprendedor só ten que acudir presencialmente ao PAIT e ao notario, consegue acurtar os prazos para a creación e posta en marcha da súa empresa (só 48 horas) e conta cunha serie de vantaxes fiscais.
Tramitación ordinaria dunha Sociedade Limitada | Tramitación no PAIT dunha Sociedade Limitada Nova Empresa |
---|---|
É preciso facer arredor unha ducia de trámites | Con dous trámites pode constituírse unha empresa |
Non hai vantaxes fiscais | Incentivos fiscais en forma de adiamento de impostos |
Os socios responden nos avais co seu patrimonio persoal | A responsabilidade limítase ao capital achegado |
Pode tardar ata dous meses | Faise en 48 horas |