Busca por letra ou por termo, ou introduce ti un termo do que queiras ter información.
| Abstinencia_
En sentido estrito, enténdese por abstinencia o non consumo de drogas ou o seu cesamento tras un período máis ou menos longo de uso, abuso ou dependencia.
| Abuso_
É un concepto ambiguo porque fai referencia aos costumes propios de cada cultura. O que unha sociedade considera normativo nun momento da súa historia pode parecer abusivo para outra, ou para ela, nun momento diferente. A distinción entre o uso e o abuso entraña matices de difícil consideración polas diferenzas persoais e culturais. Segundo algúns estudos farmacolóxicos é posible establecer unha separación entre os que usan e abusan dunha droga; pero o que tamén parece claro é que as características bioxenéticas do individuo e o potencial adictivo da substancia varían o alcance do risco do abuso.
| Adicción_
Proceso que implica a aparición da dependencia ao consumo dunha substancia, xa sexa psíquica ou física.
| Adulteración_
Adición doutras substancias á droga pura, para obter máis cantidade á hora de vendela. As substancias máis empregadas para “cortar” a droga son a quinina, estricnina, cafeína, azucres, etc.
| Alcatrán_
Substancias producidas pola combustión do tabaco. O alcatrán máis canceríxeno é o 3-4 alfa benzopireno, e a súa concentración é maior no tabaco rubio.
| Alcohol_
É a droga máis consumida no noso ámbito sociocultural e a que máis problemas sociosanitarios xera (accidentes de tráfico, malos tratos, separacións, alcoholismo, gastrite, problemas hepáticos, etc.).
Trátase dun depresor do sistema nervioso central (SNC) que paraliza progresivamente o funcionamento dos centros cerebrais superiores, producindo a desinhibición condutual e emocional do suxeito. Non é, pois, un estimulante, como ás veces se cre; a euforia inicial que provoca débese a que, pouco a pouco, vai adormecendo os centros inhibidores do cerebro.
| Alcoholemia_
[1.] Concentración de alcohol no sangue, medida en gramos de alcohol por litro de sangue. Depende da graduación da bebida, da cantidade inxerida e do tempo durante o cal se estivo bebendo.
O alcohol absórbese nun 20% no estómago nun 80% no intestino delgado, de onde pasa ao sangue.
[2.] A alcoholemia é a cantidade de alcohol que hai no sangue despois de beber alcohol. Na lexislación española, o límite da alcoholemia para a condución de vehículos é de 0,5 gramo/litro de sangue
| Alcoholismo_
[1.] Síndrome de dependencia do alcohol de aparición progresiva. Caracterízase pola incapacidade de absterse, malia a evidencia de que o consumo de bebidas alcohólicas é responsable directo da deterioración física, psíquica e social que o individuo (e o seu ambiente sociofamiliar) padecen.
[2.] Enfermidade crónica e progresiva caracterizada por unha forte dependencia do alcohol, que adoita ocasionar trastornos físicos e psíquicos a quen a padece.
| Alucinación_
Percepción de estímulos sensoriais (visións, sons ou táctiles) que non son reais e son vividos como tales.
| Alucinóxenos_
[1.] Substancias que ao chegaren ao cerebro provocan alteracións, particularmente na maneira de percibir a realidade, podendo dar lugar a verdadeiras alucinacións. O máis utilizado é o LSD (coñecido vulgarmente como “ácido” e “tripi” ), poden provocar reaccións de pánico e reaparicións da experiencia alucinóxena sen volver a consumir a substancia.
[2.] Grupo de substancias quimicamente diferentes, con efectos semellantes, que provocan distorsións da percepción da realidade.
| Anfetaminas_
[1.] Estimulantes do SNC que foron profusamente utilizados nos conflitos bélicos europeos para vencer o esgotamento das tropas. Provocan axitación, euforia, sentimentos de grandiosidade, verborrea, e unha actitude de alerta e vixilancia constantes. O seu consumo crónico pode dar lugar a un cadro psicótico similar á esquizofrenia, con delirios persecutorios.
[2.] Fármacos con efectos estimulantes sobre o SNC, sintetizados a partir da efredina, que é un medicamento obtido dunha planta (Catha edulis L.)