Logotipo
Inicio > Formación Online

Formación Online

A sociedade das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (T.I.C.) trouxo consigo numerosos cambios en moitos aspectos. O ocio, o comercio, a publicidade, a educación, etc., atopan nas T.I.C. un contorno relativamente novo no que poden poñer en marcha xeitos e estratexias diferentes as usadas tradicionalmente para chamar a atención e atraer a novos "clientes".

Imaxen asociada a nova

No terreo educativo non é diferente. Unha das principais vantaxes da teleformación a través de Internet é a democratización do ensino. Grazas a ela un maior número de persoas pode acceder á formación, posto que desaparecen as barreiras espazo-temporais. Non hai límites para a comunicación, o intercambio de ideas e experiencias, o acceso a unha gran cantidade de información, etc. Deste xeito, persoas que antes tiñan dificultades para estar en contacto continuo cos procesos de formación, por problemas de desprazamento ó centro onde se imparten os cursos, por escaseza de tempo, por incapacidade física para asistir á clase, por vivir en pequenas aldeas pouco comunicadas co exterior, etc. teñen agora todo un abano de posibilidades postas a súa disposición para unha continua formación.

 

Así o usuario ten no seu poder a elección do curso que lle interesa realizar sen ter que pensar en problemas de desprazamento a un determinado lugar físico (que as veces pode estar a centos de quilómetros d nosa casa), sen problemas de tempo nin de horarios xa que Internet está dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana, posto que o pode realizar na casa ou no lugar de traballo á hora que lle interese, nos ocos que teña libre, etc. Deste xeito, pode aproveitar moito mellor o tempo libre e o tempo dedicado á formación.

Día a día crece o número de ofertas formativas a través de Internet, e é que toda a sociedade é consciente das vantaxes que esta modalidade de formación incorpora, de tal xeito que podemos atopar toda unha gama de cursos que van desde temas específicos en determinadas materias e disciplinas ata cursos de idiomas, etc.

Outra das características dos cursos vía Internet, é que soen ser interactivos, onde se ofrece ó usuario varias opcións e menús alternativos que axudan a que os alumnos poidan elixir o seu propio itinerario de formación, segundo as súas propias necesidades e intereses persoais. Ademais facendo uso das ferramentas que Internet nos ofrece o usuario pode establecer contacto directo coa persoa responsable do curso de xeito rápida e fácil a través de servizos como chat, correo electrónico, etc. Grazas a estes servizos os estudantes poden ter un continuo seguimento e asesoramento por parte dos responsables do curso. Tamén é importante subliñar como os alumnos teñen a posibilidade de estar en contacto con outros estudantes, polo que se fomenta un traballo cooperativo, os alumnos poden intercambiar as súas ideas e coñecementos, poñer temas en común, consultar dúbidas, traballar en grupo "virtualmente", etc.

Xunto con estas características podemos mencionar como grazas ó desenvolvemento e implantación de novos programas e edicións melloradas tamén do formato de presentación dos cursos de teleformación a través de Internet, onde non só vai a haber información, senón tamén imaxes, (tanto fixas como en movemento), sons, gráficos, etc., facendo que resulte atractivo e motivador para o alumno. Ademais de moito máis ilustrativo posto que o alumno non só aprende lendo, senón que tamén vendo, oíndo e practicando, posto que estes programas soen incorporar un gran número de actividades que poñen os alumnos en situación de ter que reflexionar sobre a súa propia práctica, tomar decisións ante problemas, recordar determinados conceptos anteriormente explicados, etc. É dicir, podemos ver como a teleformación a través de Internet estanos a ofrecer todo un conxunto de características que configuran este espazo como un verdadeiro contorno de ensino-aprendizaxe.

A oferta formativa actual pode ser consultada na páxina correspondente a Aula Mentor desta mesma sección. Para máis información:

 

Avda. A Coruña, 490

(Antigo Cuartel de Garabolos)

Tfno.: 982 297 361

espazolab@concellodelugo.org


   Buscar cursos:    

Cooperación
Concello de Lugo