Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
AVISOS
Escoita esta páxina

Venres, 25 de Xullo de 2014


Declaración do Goberno municipal de Lugo.

Unha vez máis desde a aprobación do Estatuto de Autonomía, o Goberno local de Lugo conmemora, con motivo do 25 de xullo, o Día Nacional de Galicia.

Esta data é sempre unha boa ocasión para reivindicar a nosa historia como pobo e para honrar coa memoria as mulleres e aos homes que adicaron a súa vida a que todas e todos os galegos sintamos orgullo do noso pasado e do noso país.

Neste tempo tamén estamos obrigados e obrigadas a recordar con gratitude e admiración ós milleiros de galegos e galegas que tiveron que abandonar o país para buscar a vida lonxe de Galicia, fose por razóns económicas ou por outras motivacións. Eles e elas son un exemplo do amor pola terra e demostraron como, tamén na distancia, se lles pode transmitir ás novas xeracións unha herdanza de amor e compromiso con Galicia.

Pero, sobre todo, o Día Nacional de Galicia debe servir para mirar cara a diante. Para reflexionar sobre o noso presente e o futuro que estamos obrigados e obrigadas a construir para os que nos sucedan.

Galicia volve vivir hoxe fenómenos que criamos xa superados, como a marcha de moitos dos nosos mozos e mozas moi ben preparados que teñen que deixar a terra en busca dun posto de traballo. 

O despoboamento e o avellentamento poboacional teñen moito que ver con esa falta de oportunidades para traballar no país. Este é o principal problema que debemos combater desde as institucións, que temos a obriga ineludible de traballar xuntas e facendo Política con maiúsculas. Só con esforzo e traballo conxunto seremos quen de remontar estes tempos de crise e desánimo, e só así a cidadanía recuperará a confianza nas institucións que representan á sociedade galega.

Temos problemas, pero o Concello de Lugo non caerá no desánimo. O Goberno local de Lugo renova hoxe a súa confianza en Galicia e nos homes e mulleres que vivimos nela. E consideramos máis necesaria que nunca a colaboración de todos e todas, cidadanía, forzas políticas e tecido social, para sair adiante e mirar con confianza o futuro. Loitaremos por el porque o merecemos. Farémolo dende o respecto aos dereitos humanos, á tolerancia coa diversidade, porque sabemos que unión non é o mesmo que uniformidade.

Esta é a aposta e o compromiso que o Goberno local de Lugo renova neste Día Nacional de Galicia.
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova