Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
AVISOS
Escoita esta páxina

Luns, 29 de Setembro de 2014


Plan de tráfico e mobilidade durante as festas patronais de San Froilán 2014

A celebración das Festas Patronais do San Froilán 2014 leva consigo que por parte do Gabinete de Tráfico da Policía Local se deseñe e estableza un Plan de Tráfico e Mobilidade tendente a garantir a seguridade dos peóns e a ordenar e darlle fluidez ao tráfico rodado nas vías incluídas dentro do recinto feiral e a súa área de influencia.
O devandito plan obriga a facer diversos cortes e a establecer diferentes ordenamentos circulatorios en determinadas vías, tendentes a minimizar as molestias que se poidan causar a veciños, comerciantes e demais persoas que se puideran ver afectadas.

Determinadas vías terán unha ordenación diferente á habitual que se manterá de forma continuada mentres duren as festas, como son:
Rúa Santiago: terá sentido único de circulación cara ao Pazo Municipal de Deportes.
Rúa Cidade de Vigo: terá dobre sentido para facilitar a circulación de residentes, aparcadoiros, taxis e consigna da Estación de Autobuses.
Praza da Constitución: funcionará a xeito de glorieta despois dos cambios realizados na rúa Cidade de Vigo.
Rúa Puro Cora: Debido á supresión de prazas en Rodríguez Mourelo e praza de Avilés para a montaxe de atraccións, habilitaranse de xeito provisional seis prazas para a Audiencia Provincial, nove para o Xulgado de Garda, seis para carga e descarga e seis para discapacitados.
Rúa Frei Plácido Rei Lemos: Dispoñerá dun corte de tráfico na súa confluencia coa rúa Santiago, con prohibición de estacionamento na marxe dereita e reserva de espazos para carga e descarga e vehículos autorizados.

As festas celebraranse coma en anos anteriores nas vías inmediatas ao Parque Rosalía de Castro (lugar de situación do recinto feiral), a praza Horta do Seminario acollerá os distintos concertos, o patio do Edificio Administrativo do Concello destinarase para actividades e espectáculos do San Froilanciño, e o cantiño Nemesio Cobreros e a explanada contigua á rúa Soto Freire estarán dedicadas a diferentes exposicións. Polo tanto as vías incluídas dentro do Recinto Feiral son as seguintes: explanada do Pazo Municipal de Deportes, Costas do Parque, paseo Vila de Foz, avenida García Portela, praza de Avilés, avenida Rodríguez Mourelo, avenida de Ramón Ferreiro (instalación de casetas de feira na mediana do tramo comprendido entre a rúa Celso Emilio Ferreiro e a rúa Mariña Española) e fondo da Praza Maior.

A montaxe das atraccións no Recinto Feiral poderase iniciar o día 24 de setembro e o funcionamento do feiral será do día 3 ao 12 de outubro.

O asentamento das caravanas dos feirantes farase igual ca o ano pasado, a partir do día 24 de setembro, nas rúas incluídas dentro das Unidades de Actuación Norte 1 e Norte 2 (inmediacións do centro comercial As Termas).

O presente plan de tráfico aplicarase dende o venres día 3 ata o domingo día 12 de outubro do 2014 e consta de dous procedementos.

Procedemento A: Será o que se manteña mentres permaneza pechado o recinto feiral e se permita a circulación pola rúa Vilalba, a avenida Ramón Ferreiro e a rúa Anxo López Pérez.
Durante este procedemento, as vías incluídas dentro do Recinto Feiral cortaranse ao tráfico os días nos que este permaneza en funcionamento e cando así o estime oportuno o xefe de quenda e en función da afluencia de persoas, podéndose ter como hora de referencia as 19:00.

Procedemento B: Será o que se estableza cando se realice o corte da Ronda da Muralla á altura da rúa Santiago.
Aplicarase os días festivos e os fins de semana, coincidindo cunha maior afluencia de público, e manterase de forma continuada dende as 19:00 horas do día 3 ata as 06:00 do día 7 de outubro e desde as 19:00 horas do día 10 ata as 06:00 do día 13 de outubro.

Cando se poña en marcha algún dos dous procedementos, as vías afectadas pola instalación de atraccións de feira e casetas de venda dos diferentes produtos só poderán ser usadas por vehículos debidamente autorizados.

Ordenación das distintas rúas afectadas e que sofren variación pola montaxe e funcionamento do Recinto Feiral.

Avenida Rodríguez Mourelo:
A calzada situada na banda da Audiencia Provincial permanece invariable en canto ao sentido de circulación, prohibíndose o estacionamento nas dúas marxes.
A calzada da banda dos institutos cortarase totalmente ao tráfico rodado para a instalación dos carruseis.

Praza de Avilés:
Cortarase parcialmente ao tráfico, permitindo o paso dos vehículos cara ás rúas Puro Cora, García Portela e Armando Durán.

Rúa García Portela:
A calzada adxacente ao Parque Rosalía de Castro cortarase ao tráfico para a instalación das atraccións da feira. A da banda dos edificios habilitarase en dobre sentido de circulación para o acceso de residentes e servizos. Fronte ao número 15 habilitarase unha zona de carga e descarga en horario de 09:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Avenida de Ramón Ferreiro:

Durante a aplicación do Procedemento B a calzada que vai pola banda dos centros educativos habilitarase en dobre sentido para facilitar a entrada e saída dos residentes.
A oposta sufrirá dous cortes, un á altura da rúa Celso Emilio Ferreiro e o segundo na confluencia da rúa Salvador de Madariaga.
Debido á montaxe das casetas de feira na mediana impedirase o cambio de sentido na confluencia coa rúa Cambria mediante un valado para facilitar o tránsito peonil.

Rúa Anxo López Pérez:

Sinalizarase para impedir o estacionamento na marxe dereita, para a reserva de espazo para os diferentes servizos.

Rúa Santiago:
Esta vía pasará a ser en todo momento de sentido único de baixada, no tramo comprendido entre a Ronda da Muralla e a avenida da República Arxentina, desde as 15:00 horas do día 3 de outubro e ata o remate das festas, dándolle así maior fluidez ao tráfico da Ronda da Muralla.

Rúa Cidade de Vigo:
Establécese o dobre sentido de circulación durante as festas para facilitar o acceso de vehículos con destino ao aparcadoiro da praza da Constitución, residentes con praza de garaxe, vehículos autotaxi e carga e descarga da Estación de Autobuses. Para isto prohibirase o estacionamento da banda dos inmobles e seguirase permitindo o estacionamento en batería fronte ao muro da Estación de Autobuses.

Praza da Constitución:

Sufrirá cambios no seu ordenamento para facilitar a entrada e saída de vehículos despois dos cambios realizados na rúa Cidade de Vigo.

Rúa Armando Durán:
Sinalizarase para que o acceso dos residentes se faga pola rúa Pintor Corredoira.

Vías afectadas e medidas a adoptar durante a aplicación do Procedemento B:

Ronda da Muralla:
Terá un corte de tráfico á altura da rúa Santiago, desviándose todo o tráfico da Ronda e da rúa Cidade de Viveiro pola rúa Santiago.
A través deste corte permitirase o acceso de vehículos autorizados e de residentes a ese tramo e aos da rúa Vilalba, do Carril dos Loureiros e das vías das inmediacións do Parque Rosalía de Castro. O acceso á rúa Bispo Aguirre e á Praza Maior facilitarase mentres a afluencia de persoas así o permita.

Rúa Vilalba:
Efectuarase un corte de tráfico unha vez pasada a intersección co Carril dos Loureiros, e os residentes desta vía accederán dende o punto de corte da Ronda e sairán polo Carril dos Loureiros, en sentido contrario ao habitual cara á rúa Cedrón del Valle.

Carril dos Loureiros:

Durante a aplicación deste procedemento cambiaráselle o sentido de circulación para facilitar a saída dos residentes do tramo da Ronda da Muralla, da rúa Vilalba e do propio Carril dos Loureiros en dirección ás rúas Cedrón del Valle e Cidade de Viveiro.

Rúa Puro Cora:
Dispoñerá dun primeiro corte de tráfico flexible na súa confluencia coa rúa Ribadeo, Xeneral Tella e Pascual Veiga, permitíndose o acceso de vehículos dos residentes e dos que van con destino ás prazas reservadas nesta rúa. Despois terá un segundo corte total na intersección coa Praza de Avilés.

Rúa Salvador de Madariaga:
Realizarase un corte de tráfico á altura da praza de Bretaña, permitíndose soamente o acceso dos residentes e dos vehículos que se dirixen ao aparcadoiro do Seminario.

Avenida Ramón Ferreiro:
A calzada que vai pola banda dos centros educativos habilitarase en dobre sentido para facilitar a entrada e saída dos residentes.
A oposta sufrirá dous cortes, un á altura da rúa Celso Emilio Ferreiro e o segundo na confluencia da rúa Salvador de Madariaga.

Medidas complementarias:

Na rúa Puro Cora habilitaranse, adxacentes ao Parque e de xeito provisional, seis prazas para discapacitados, seis para a Audiencia Provincial, nove para o Xulgado de Garda, e seis para operacións de carga e descarga. O resto das prazas reservarase para as actividades programadas polo Concello. Na marxe oposta continuará vixente o sistema ORA.

Autorizacións:
Os residentes afectados polos cortes de tráfico, os condutores dos vehículos que utilicen as áreas de estacionamento interiores dos distintos centros escolares que están no interior do Recinto Feiral e a súa área de influencia, e mais os que realicen actividades de carga e descarga, incluídos os feirantes, deberanse prover das correspondentes autorizacións de acceso na Oficina de Atención ao Cidadán (OAC) da Policía Local, sita na rúa das Artes nº 33, en horario de 08:00 a 22:00 horas, ou a través do correo electrónico policialocal@concellodelugo.org

Zonas de estacionamento disuasorias:
Cearanse catro zonas de aparcamento situadas nas inmediacións das principais vías de acceso á cidade (dúas na rúa Campos Novos, unha n’As Termas e outra na rúa Noriega Varela), que estarán debidamente sinalizadas mediante carteis, para que os visitantes e os cidadáns en xeral dispoñan de prazas de estacionamento, evitando así, na medida do posible, o acceso do vehículo privado ao centro e ao Recinto Feiral.
Habilitarase unha zona para o estacionamento de autobuses na rúa Madanela.

Prolongacións de liñas e servizos especiais dos autobuses urbanos:
As liñas 3AE, 4E, 5E e 6E prolongarán os seus percorridos habituais ata as dúas ou as tres da madrugada os días 4, 5, 6, 11 e 12 de outubro. Dúas liñas especiais unirán estes mesmos días as dúas zonas de estacionamento da rúa Campos Novos e o aparcadoiro do centro comercial “As Termas” coa parada que se situará na rúa Celso Emilio Ferreiro (fronte ao Gran Hotel), cunha frecuencia horaria de 30 minutos ata as dúas ou as tres da madrugada. Estas zonas tamén se sinalizarán convenientemente con carteis que facilitarán completa información dos horarios e itinerarios dos autobuses.

Taxis:
 Con motivo das festas patronais, o servizo de autotaxi reforzará o número de taxis dispoñibles, concretamente nas paradas da praza de Santo Domingo e da praza da Constitución, paradas que xa foron ampliadas recentemente. Para darlles un mellor servizo aos usuarios do taxi, permitirase o acceso destes vehículos á zona acoutada do Recinto Feiral e a súa área de influencia, sempre que as condicións do tránsito peonil o permitan.

Sala de Control de Tráfico:
Durante as festas os ciclos semafóricos sufrirán un axuste na súa frecuencia para adaptalos ás necesidades do tráfico, tanto de día coma de noite.

Espazo habilitado para os medios de comunicación:
Os medios acreditados dispoñerán dunha reserva de espazo na rúa Pascual Veiga para facilitar o seu labor informativo.

Patio do Edificio Administrativo do Concello:

Desde o día 1 e ata o 14 de outubro inclusive prohibirase o estacionamento de vehículos no recinto debido á montaxe, desmontaxe e celebración das distintas actividades do San Froilanciño.

Control de accesos na rúa Vilalba e porta de Santiago:
A Brigada de Sinalización fará provisión de senllos valos con sinal R-101 (entrada prohibida) para os cortes eventuais que se puideran producir con ocasión dos distintos eventos.

Outras actividades:

Día 3 de outubro:

A Concellería de Cultura incluíu dentro do programa das Festas do San Froilán 2014 a celebración do festival “Muralla Rock” nas instalacións do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a partir das 19:00 do día 3 de outubro, estando prevista a súa finalización ao redor das 02:00 horas. (Establécese un dispositivo de tráfico en informe complementario).

Día 11 de outubro:
Incluído dentro da mesma programación, o sábado 11 de outubro cortarase ao tráfico a praza de Augas Férreas debido á celebración do concerto da Orquestra Panorama que se iniciará sobre as 23:00 horas. Para garantir o desenvolvemento deste concerto estímase conveniente o corte ao tráfico da praza, así como a prohibición de estacionamento nas catro dársenas que a rodean e nos dous tramos comprendidos entre rúa Antonio Rosón-rúa María Castaña e rúa Enriqueta Otero-rúa Cánovas del Castillo. (Establécese un dispositivo de tráfico en informe complementario).

Plano A

Plano B

RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova