Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
AVISOS
Escoita esta páxina

Venres, 3 de Outubro de 2014


Bando da Alcaldía sobre as festas patronais de San Froilán 2014

A consecuencia dunha demanda presentada por dezaoito veciños, o Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo ditou o 26 de setembro de 2012 diversas medidas cautelares para “paliar as molestias causadas pola celebración das festas do San Froilán” que se manteñen vixentes para estas do 2014.
En consecuencia, o volume das atraccións reducirase ás 22:00 horas e ata as 08:00 horas de cada día das festas para evitar molestias ós veciños residentes na zona, e na intensidade fixada pola Ordenanza Xeral Municipal Reguladora da Contaminación Acústica, coa excepción dos días 4, 5, e 11 de outubro, nos que o volume das atraccións feirais se reducirás ás 24:00 horas.

Así mesmo, cumpriranse rigorosamente as medidas de control establecidas na devandita resolución xudicial, e garantirase o acceso ás vivendas e ós garaxes da zona, así como a todos os edificios públicos situados no recinto feiral.

A maiores, o Concello de Lugo, esforzándose na procura da tranquilidade dos veciños do recinto feiral, adoptou por propia iniciativa entre outras as seguintes medidas concretas:

-Reforzar o servizo de limpeza para manter a zona feiral nas debidas condicións de salubridade e hixiene segundo o Programa de Limpeza elaborado pola Concellería de Medio Ambiente con data de 5 de setembro do 2014.

-Reforzar a frecuencia e densidade da monitoraxe de ruídos pola Policía Local e a súa dotación de sonómetros segundo a dispoñibilidade do mercado e as posibilidades de instalación de estacións de control.

-Instalar unha caseta da Policía Local no recinto feiral, situada no Parque de Rosalía de Castro, para atender calquera demanda cidadá.

-A Policía Local dispoñerá nas inmediacións do recinto dunha grúa para corrixir con dilixencia as ocupacións indebidas e garantir especialmente o respecto dos pasos de carruaxes.

O Concello de Lugo, a Comisión de Festas, a Concelleira Delegada de Cultura e o Alcalde son moi conscientes de que as festas do San Froilán causan algunha molestia a algúns cidadáns que viven no centro e nos arredores do parque de Rosalía de Castro, e que contando todo o ano co desfrute deste grande xardín e bosque urbano poden ver durante uns días un pouco minguados algúns aspectos dese pracer.

O Concello de Lugo fixo, fai e seguirá facendo todos os esforzos por minimizar esas molestias, pero ó mesmo tempo considera que as nosas grandes festas patronais deben seguir celebrándose nese espazo non só por razóns de tradición e cultura popular, senón tamén porque a grande concorrencia de público resulta esencial para a boa marcha dos negocios, hostaleiros e doutro tipo, dos que depende en boa parte a vida da nosa cidade.

Non se debe esquecer que Lugo é esencialmente unha cidade turística e de servizos que debe seguir afondando no aproveitamento destes recursos porque así o require o interese xeral. A discusión sobre a conveniencia de trasladar os festexos a outros lugares é xa máis ca secular, pero todos os intentos que nese sentido se teñen feito conduciron a rotundos fracasos que de ningunha maneira nos podemos permitir o luxo de repetir, pois o seu custo para a vida económica da cidade resultaría sen dúbida moi alto.

Pregamos encarecidamente ás nosas amigas e amigos feirantes que cumpran escrupulosamente a parte dispositiva deste bando, de maneira que entre todos consigamos harmonizar os diversos intereses de todos os cidadáns, mantendo e mellorando así as festas do San Froilán de Lugo. Temos o privilexio de contar cunhas festas de carácter moi singular, quizabes as máis grandes, fermosas e entrañables de Galicia, que co seu esplendor engalanan dun xeito incomparable os nosos espléndidos outonos, e é a nosa obriga mantelas e melloralas ano tras ano por moitas razóns, entre elas porque son un patrimonio cultural e un sinal de identidade irrenunciables. Pero tamén, dito sexa máis prosaicamente, porque con estas festas nos axudamos a vivir todos: os feirantes forasteiros que nelas intentan coroar a súa temporada, os comerciantes e industriais da cidade, e en definitiva todos nós, pois nunha medida ou noutra todos nos beneficiamos da prosperidade xeral.

Xosé López Orozco
Alcalde de Lugo
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova