Dende o 27 de marzo de 2014 e ata o 20 de xuño de 2014 pódese visitar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) a exposición Entre cores e soños - Exposición antolóxica da pintura de Carlos Bóveda, que recolle preto de 80 obras pictóricas do artista galego, coa que se conmemora o 10º aniversario do seu falecemento.
Ademais da exposición, todos os venres ás 18.00 horas haberá unha visita guiada para coñecer mellor a obras e a partir do 1 de maio haberá un día á semana en horario de 16.30 a 20.30 un obradoiro de iniciación á pintura para nenos e nenas e outro día un curso de pinturaterapia para adultos, que impartirá a viúva do artista, Sara Paz Seco.
Carlos Bóveda naceu en Ponte Cesures (Padrón) no ano 1933, e viviu corenta anos en América. Ceramista, escultor e sobre todo pintor, a súa obra, centrada fundamentalmente na memoria da Terra e das súas xentes, é dunha estética especialmente robusta, cunha forza e unhas liñas visuais e coloristas que compartiu con outros grandes artistas galegos coma Laxeiro. Morreu no 2004 en Galicia, a onde retornara dous anos antes sen en realidade tela deixado nunca.