Unha exposición coas obras de Carlos Montero, un pintor lucense que tamén é arquitecto, pero que constrúe os seus cadros cos materiais da máis carnal e verdadeira humanidade. Un perfecto dominio do debuxo e un potente colorido caracterizan a súa obra, que se ten definido como realismo fantástico, como expresionismo. De feito, aínda que este lugués sexa tamén arquitecto de profesión, como pintor non parece que sexa un pintor-arquitecto, nin menos un arquitecto-pintor.
Trátase dunha pintura fortemente narrativa, unha pintura que conta historias ás veces complexas, historias que o espectador recibe nun golpe de vista e vai despois desentrañando fragmento a fragmento nunha contemplación demorada: os cadros de Carlos Montero teñen unha certa propiedade hipnótica que captura a atención e nos obriga a mirar figura a figura, detalle a detalle, procurando todos os compoñentes e todas as relacións entre os personaxes e as cousas.