Cargando....
Concello de Lugo
17/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e BEGASA asinan un convenio para a colocación de equipos de telexestión na subministración de alumeado público rural


# Mércores, 03/01/2007
(nota de prensa remitida por BEGASA)

Na mañá de hoxe, D. Xosé Clemente López Orozco, Alcalde do Concello de Lugo, e D. Luis García Santalla, Director Xerente de BEGASA asinaron un convenio para a substitución de 230 equipos de telexestión na subministración de alumeado público en zona rural.

O Novo Real Decreto 1634/2006 que establece a tarifa eléctrica a partir do 01 de Xaneiro do 2007 elimina a tarifa específica de alumeado público e establece un prazo máximo de 6 meses para a adecuación dos equipos de medida de todos os clientes acollidos a esta tarifa.

Begasa realizou estudos para determinar cal é a tarifa máis conveniente para a subministración do Concello de Lugo e procederá no mes de Xaneiro, e de forma gratuita, á substitución de todos os equipos mecánicos propiedade do Concello, por avanzados equipos de medida electrónicos. Estes novos equipos de medida dixitais dispoñen dunha avanzada tecnoloxía, ofrecendo máis calidade, eficiencia e seguridade, e podendo, nun breve periodo de tempo, ser telemandados sen necesidade de realizar in situ as modificacións das condicións da subministración. Por outro lado permitirán coñecer en todo momento cal é o consumo rexistrado, potencia demandada, tensión de subministración, así como dispor da curva de carga.

Actualmente, Begasa está explotando 425 contadores electrónicos monofásicos, como parte do proxecto piloto que ten lugar en Lugo e Vilalba. Despois de que o Ministerio de Industria aprobara, como parte do Programa de Xestión da Demanda, a instalación de 6.500 contadores electrónicos, por parte de Begasa está previsto iniciar no ano 2007 o proxecto de instalación gratuita masiva de 56.000 equipos electrónicos en Lugo Capital e na zona semiurbana, ademais de toda a nova subministración da provincia de Lugo, así como a explotación do sistema de xestión da medida. Para iso, comezarán en breve os traballos de identificación da rede de Baixa Tensión que garanta a asociación correcta dos clientes cos puntos de conexión á rede.

No ano 2004, asinouse entre Begasa e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, un acordo polo que se aprobaba a instalación de contadores electrónicos, desenvoltos pola eléctrica italiana Enel, a 425 clientes de Lugo e Vilalba, representativos tanto da zona urbana como da semiurbana e da rural.

Como parte deste proxecto piloto, Begasa vén realizando con excelentes resultados a proba de explotación de ditos contadores e do sistema de xestión da medida. Os contadores electrónicos xa instalados en Lugo e Vilalba foron desenvoltos por Enel e empregan tecnoloxía de nova xeración. Desta forma, Lugo, a través de Begasa, incorpórase á punta 2 tecnolóxica do país, probando as posibilidades reais das novas tecnoloxías en telexestión da medida no segmento doméstico e residencial.

O sistema de telexestión desenvolto pola eléctrica Italiana Enel permite mellorar significativamente a información que se dará aos clientes; axilizar a xestión comercial dos contratos de subministración en baixa tensión; garantir a fiabilidade da lectura, e explotar de forma máis eficiente a rede de distribución, ademais de permitir a aparición de novas tarifas que poidan proporcionar significativos aforros para o cliente.

Enel é a única compañía eléctrica do mundo que aplicou e testou esta tecnoloxía a gran escala, instalando ata a data o contador a máis de 28 millóns de clientes en Italia. De feito, grazas ao novo contador, máis dun millón de clientes de dito país xa se acolleron ás tarifas máis económicas, pois, dende xaneiro de 2005, existe un novo marco tarifario que inclúe tarifas de distintos tipos, como a tarifa verán ou a tarifa fin de semana, máis adaptadas ás necesidades reais de cada cliente e que proporcionan un importante aforro, segundo o perfil de consumo.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova