Imprimir

O CONCELLO ABRE O PERÍODO DE COBRO VOLUNTARIO DO IMPOSTO DE CIRCULACIÓN


3/4/2007 O padrón de vehículos aumentou nun 5,29%, o que suporá unha recaudación de 5.327.976 euros

O Concello abre mañá, día 4 de abril, o prazo de pagamento do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (coñecido como Imposto de Circulación ou Rodaxe) correspondente ao ano 2007. O período de pagamento en forma voluntaria estará aberto até o día 5 de xuño.

Este ano porase ao cobro un importe total de 5.327.976 euros, correspondente a 60.644 recibos. O volume máis numeroso no padrón son os turismos, que supoñen 45.119 recibos. Ademais, hai censados 6.779 camións ou furgonetas, 2.784 motocicletas, 2.116 tractores, 2.067 ciclomotores, 1.431 remolques e 348 autobuses.

Con relación ao ano pasado, aumentou o número de recibos nun 5,29%, pasando de 57.594 xestionados no 2006 até os máis de 60.000 deste exercizo. Ademais, incrementouse o importe total a cobrar nun 8,96%, pola subida do IPC e o aumento do parque móbil. O ano pasado o imposto supuxo un total de 4.889.681 euros.

O Concello remitirá ao enderezo dos contribuíntes un tríptico co obxecto de que o seu importe sexa pagado na entidade Caixa Galicia. No caso de non recibilo, o obrigado ao pago deberá personarse nas oficinas municipais para obter un duplicado.
 
Aos contribuíntes que teñan domiciliado o pagamento os recibos seranlles cargados na conta por eles indicada transcorridos 15 días naturais despois de iniciado o período de cobro.