Cargando....
Concello de Lugo
16/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aprobará en Xunta de Goberno a nova tarifación por minuto


# Martes, 28/08/2007
A nova tarifa será de 0.016 euros por minuto, o primeiro minuto gratis, favorecendo as estancias cortas e longas

O rescate da concesión custaría ós lucenses 50 millóns de euros

A empresa concesionaria dos parkings esixía un aumento que o Concello se negou a aceptar



A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, informou das novas tarifas que dende o 1 de setembro asumirán os aparcadoiros públicos da cidade.

Ese día entra en vigor o novo sistema de tarifación por minuto para os aparcadoiros de titularidade pública. Deste xeito, o cobro farase a tempo real e non por tramos de hora como era ata o de agora.

Sonia Méndez anunciou que logo de numerosas conversas coa empresa concesionaria, que dende o ano 86, gobernando o Partido Popular, ten unha concesión por 49 anos, finalmente non se chegou a un acordo.

Estudo feito por técnicos municipais e da Universidade
A empresa concesionaria, segundo explicou a Concelleira, esixía subas moi gravosas e excesivas para o consumidor, que o Concello se negou a aceptar. Os técnicos municipais traballaron en colaboración coa Universidade de Santiago, concretamente coa súa Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario, para elaborar "unha proposta de tarifación máis xusta e equitativa para os usuarios dos parkings".

Deste estudo estraense as novas tarifas:

  • O primeiro minuto sairá a coste cero
  • Os 90 minutos seguintes, a 0.025 euros minuto
  • A partir do minuto 90 a tarifa será de 0.016 euros minuto.
  • E a tarifación diaria máxima baixa de 14 a 13 euros.

    Esto constitúe unha suba media "con repecto á tarifa actual vixente, de só un 0.59%, non o 43% do que falaron diversos grupos políticos". A Concelleira salientou que nunca se traballou coa posibilidade desa suba excesiva.

    Méndez explicou que a tarifa de 0.016 é o resultado de dividir 1 euro -tarifa vixente- entre 60 minutos. Esta tarifa "non se pode manter ó longo de toda a curva porque non se podería garantir o equilibrio económico financieiro á empresa, ó que estamos obrigados por lei". O incumprimento deste punto suporía para as arcas municipais, "para todos os veciños", o pago dunha indemnización que ronda os 100.000 euros anuais por parking. Segundo a Concelleira "non é xusto para os veciños, consideramos que deben ser os usuarios, moitos deles de fóra da cidade, os que garantan ese equilibrio imposto".

    Calquera cambio que faga o Concello nas condicións do contrato suscrito coa empresa ten que ir acompañado do mantemento dos ingresos que esta percibe.

    Concesión ata o ano 2035

    O Convenio asinado polo Partido Popular coa empresa concesionaria no ano 1986, fixa as condicións da concesión e o número de prazas que deben ter os aparcadoiros, ademais establece unha duración para a concesión polo prazo máximo que permite a lei, 49 anos, improrrogables.

    O seu rescate suporía para os lucenses, o pago de máis de 50 millóns de euros -arredor de 8.000 millóns de pesetas- "esa non é unha solución viable. Baste recordar a indemnización que tivo que pagar o concello de 100 millóns de pesetas pola resolución da concesión da grúa municipal feito no seu momento por un goberno popular".

    Coa tarifación a tempo real o usuario pagará por minuto consumido, o que supón que a persoa que permaneza no aparcadoiro 61 minutos, pagará 61 minutos, e non 2 horas como sucedía ata o de agora.

    A edil de Economía, explicou que mantivo a primeira hora da mañá unha xuntanza cos representantes de diferentes asociacións da cidade, así como cos grupos políticos da oposición, para dar cumprida información sobre estas novas tarifas.

    Finalmente, quixo agradecer o extraordinario traballo que fixeron tanto os técnicos municipais como os da Universidade.



  • Compartir:
    Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
    RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova