O día 20 de setembro comeza o prazo para o cobro do IBI e a taxa de vados
# Mércores, 19/09/2007
O calendario do contribuínte establece un período fixo de cobro destes impostos, dende o 20 de setembro ata o 20 de novembro
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou hoxe o inicio do prazo para o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e de vados, que dende este ano se fará nun período fixo, dende o 20 de setembro ata o 20 de novembro, tal e como recolle o calendario do contribuínte.
Este será o período voluntario, a partir do 20 de novembro comezará a recadación executiva que implica un recargo do 5%, por iso a Concelleira recalcou a importancia de lembrar estas datas ou incluso domiciliar o pago. "Ó redor dun 90% dos contribuíntes lucenses efectúan o pago en prazo, pero aínda así o ano pasado 463 superaron esta data e tiveron que aboar o recargo"
Segundo explicou Méndez, este ano o imposto do IBI permitirá a recadación de 14.209.764 euros en urbana o que supón un incremento do 4.70% con respecto ó ano 2006.
En canto ó número de recibos, será de 77.849 o que representa un 4% máis que no 2006. Estos datos reflicten "unha media de pago para o contribuínte de Lugo de 182,52 euros, algo máis que o ano pasado que era de 181,30 euros".
En relación co cobro do IBI en rústico terá unha recadación de 55.883,69 euros e un total de 12.436 recibos.
O IBI é un dos máis importantes impostos do Concello xa que representa o 14% do total de ingresos municipais.
Parque de InmoblesA Concelleira destacou ademais datos sobre o parque de inmobles na cidade "os usos son preferentemente residenciais representando un 66% do total, arredor de 52.402 recibos". Tamén salientou a existencia dun número considerable de vivendas renovadas, xa que o 65% dos inmobles son construcións de despois de 1980, polo tanto de menos de 27 anos de antigüedade.
Méndez suliñou ademais a boa colaboración existente entre o Concello e a xerencia catastral, "dende 1999, data en que se asinou un convenio co catastro houbo reunións periódicas dunha comisión de seguemento que permitiu a actualización dos valores catastrais".
Este ano a boa nova é que finalizou esta valoración polo que non haberá no 2008 actualización ou incremento da base impoñible.
Cobro vadosO número de recibos das taxas por aproveitamentos especiais de vehículos da vía pública suporá unha recadación de 481.456,45 euros e un total de 3.409 recibos. O prazo para o seu cobro terá o mesmo periodo de duración, dende o 20 de setembro ata o 20 de novembro.
Compartir: