Imprimir

A CONCELLEIRA DE ECONOMÍA PROPÓN A CONXELACIÓN ESTE ANO DO IBI E DO IMPOSTO DE CIRCULACIÓN


11/10/2007 Afecta arredor de 150.000 recibos e na actualidade é asumible polo Concello

Inclúen propostas específicas para persoas con menos recursos e para a zona rural

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, deu conta dos asuntos tratados na primeira xuntanza mantida cos representantes da oposición para darlles a coñecer as propostas do goberno local en materia de Ordenanzas Fiscais para o ano 2008.

Méndez suliñou que a intención do goberno é chegar a acordos cos distintos grupos políticos para que as Ordenanzas entren en vigor a partir do 1 de xaneiro.

A proposta do equipo de goberno inspírase “nun principio que vimos mantendo ó longo destes anos, que é o de non incrementar os impostos máis do correspondente ó IPC que para este ano é do 2.2%”, o ano pasado era de 3.7.

Unha das iniciativas do goberno local, proposta ó resto de grupos con representación municipal, é a de conxelar algunhas taxas e impostos “como son as taxas pola prestación do servizo dos centros de día e pola prestación do servizo de axuda no fogar”, servizo do que actualmente se benefician arredor de 340 persoas.

Sonia Méndez explicou que dende o equipo de goberno queren deixar como está, é dicir, non aplicarlle ningunha suba, ó Imposto de Bens Inmobles e ó imposto de vehículos de tracción mecánica. “Esta medida, no caso de ser apoiada polo resto de grupos, vai beneficiar a un número considerable de recibos”.

Neste momento máis de 90.000 recibos son do IBI -78.000 do IBI de urbana e 12.000 de rústica- e o de circulación afecta a máis de 60.000 vehículos o que supón un total de 150.000 recibos. Esta conxelación é perfectamente asumible polo Concello “queremos favorecer ó cidadán xa que a situación económica do Concello o permite”.

A Concelleira de Economía destacou ademáis, que o goberno local propuxo na xuntanza a aprobación dunha serie de bonificacións fiscais; é dicir, reduccións da cota final a pagar, co fin de incentivar as conductas positivas da cidadanía. “O que queremos é propiciar por exemplo o cumprimento da Axenda 21 que establece diversas medidas beneficiosas para o medio ambiente”.

Unha destas bonificacións sería a do imposto de circulación “durante os primeiros anos desde a matrícula para os vehículos non contaminantes”.

Esta liña de reduccións fiscais a favor do medio “complementa outras medidas xa implantadas polo goberno ó longo destes anos como a medida de bonificar as construcións, instalacións e obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo”.

Méndez salientou tamén a proposta de medidas que favorecen ás familias, bonificando a transmisión da vivenda en caso de falecemento, “vai na liña das propostas anunciadas polo Presidente da Xunta de bonificación do imposto de sucesións”. Esta iniciativa complementaría a liña de bonificacións de bens inmobles para familias numerosas.

Haberá unha bonificación social que permitirá a subvención ós perceptores de RISGA ó pagar auga e recollida de lixo “atópanse xa nunha situación na que é fundamental favorecer a súa inserción”.

Hai propostas tamén para a zona rural específicamente, que implican bonificación no imposto de construción, instalacións e obras, para rehabilitacións na zona rural. A finalidade é favorecer o incremento de poboación nestas zonas. Xa existía unha reducción do 50% en licenzas de construción de vivenda e instalacións vinculadas a explotacións agrícolas.

A edila de Economía explicou que o goberno local propón a implantación de taxas como dereitos de exame para as oposicións do Concello ou pola prestación do servizo de comida no fogar, que será simbólica.

Propoñen ademais dous prezos públicos novos: por publicacións e polo programa de Benestar Social, Aprende xogando.

Méndez anunciou o establecemento dun Calendario do Contribuínte que facilite o coñecemento de datas fixas para os pagos. Tamén explicou a intención de poñer en marcha a psoibilidade de pago telemático, a través de internet