Imprimir

MARÍA XOSÉ PORTEIRO RECIBE A UNHA DELEGACIÓN COMERCIAL ENCABEZADA POLO ALCALDE DE LUGO E ASEGURA QUE SE ESTÁ A DAR CUMPRIMENTO AO MANDATO DO DECRETO DE CREACIÓN DAS DELEGACIÓNS NO EXTERIOR


2/11/2007 A visita de José López Orozco, organizada pola Cámara de Comercio de Lugo, é a primeira visita institucional que se desenvolve na Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires, logo da súa inauguración o pasado 6 de outubro

Buenos Aires, 1 de novembro de 2007.- A Delegada da Xunta de Galicia en Buenos Aires, María Xosé Porteiro, asegurou esta mañá que “se está a dar cumprimento ao mandato do Decreto de Creación das Delegacións da Xunta de Galicia no exterior” coa atención á cidadanía galega, e á intensificación das relacións institucionais, comerciais e culturais entre Arxentina, Uruguai e Galicia”.

Porteiro fixo estas declaracións logo dun encontro co alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, e con representantes da Cámara de Comercio de Lugo, no marco dunha misión comercial organizada por esta última a Buenos Aires e Rosario. Trátase da primeira visita institucional que se desenvolve na Delegación da Xunta na capital arxentina, logo da inauguración oficial presidida polo titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, o pasado 6 de outubro.

“A visita encabezada polo alcalde de Lugo, é unha misión comercial da Cámara de Comercio de Lugo, que vén confirmar a vocación da Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires por traballar na intensificación das relacións comerciais entre Galicia e Arxentina”, destacou Porteiro. Neste sentido, engadiu que ademais desta área prioritaria de actuación, o Decreto de creación da delegación tamén contempla “a atención á cidadanía galega no exterior, a promoción cultural e lingüística, e a cooperación ao desenvolvemento”.

Na súa intervención ante os medios de comunicación, María Xosé Porteiro indicou que é “magnífico poder trasladarlle á sociedade arxentina e á sociedade galega esta foto de unión, de reunión no ámbito económico”, á que cualificou como “moi intensa”. “Ésta é a vocación, a vontade de traballo que temos que desenvolver”, concluíu.

Grande acerto do Goberno galego

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, manifestou que a apertura da Delegación foi “un grande acerto do Goberno galego” e congratulouse polo nomeamento de María Xosé Porteiro como Delegada destacando a súa “valía, experiencia e entrega institucional”. Orozco declarou que esta cidade “non é a quinta provincia, senón un trozo da propia Galicia” e destacou como “experiencia marabillosa” a súa visita ás institucións e agrupacións galegas en Arxentina estes días, así como a súas reunións no Ministerio de Traballo da Nación Arxentina, con empresarios galegos e arxentinos e con membros da colectividade residente en Buenos Aires.

O alcalde de Lugo estivo acompañado na súa visita á Delegación pola Concelleira de Economía e Emprego do Concello de Lugo, Sonia Méndez, e por unha representación da Cámara de Comercio de Lugo encabezada polo seu vicepresidente, Eduardo Núñez Torrón. No marco da súa visita, Xosé Clemente López Orozco asinou no Libro de Honra da Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires e entregou á Delegada o libro Poetas en Lugo, editado recentemente polo Concello, e unha medalla de Sargadelos cun deseño da muralla romana.

Encontro con empresarios argentinos
Posteriormente, a Delegada da Xunta de Galicia e o alcalde de Lugo mantiveron un encontro con membros da Confederación Arxentina da Mediana Empresa (CAME) e da Federación Arxentina de Mozos Empresarios (FEDAJE), na que tamén participou a representación da Cámara de Comercio de Lugo.