Imprimir

O ALCALDE DE LUGO VISITA O FOGAR GALEGO PARA ANCIÁNS DE DOMSELAAR NA ARXENTINA


31/10/2007 O Alcalde reiterou o compromiso das autoridades españolas pola atención ás persoas en situación de dependencia

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía Sonia Méndez, visitan o Fogar Galego para anciáns de Domselaar a 60 quilómetros da cidade de Bos Aires.

Os responsables municipais acompañados polos representantes da Cámara de Comercio lucense achegáronse a coñecer esta residecia de maiores que funciona cos recursos xerados polo propio fogar e as institucións galegas entre as que se atopa a Xunta de Galicia.

Este centro conta na actualidade cunha capacidade para 150 persoas e está previsto, grazas ó apoio do Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, a ampliación dun ala para a atención a persoas dependentes.

O Alcalde lucense suliñou o compromiso total do goberno local que el representa e por suposto do autonómico por poñer en marcha a Lei de autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Dende o mes de abril o Punto de Informacíón á Dependencia que puxo en marcha a Concelleria de Muller e Benestar Social no Centro Social Uxío Novoneyra, atendeu a preto de 200 persoas.

Na provincia de Lugo hai máis de 9.000 persoas dependentes, poboación que segundo as previsións aumentará nos vindeiros anos. Máis do 80% destas persoas son maiores de 65 anos.

Desta realidade é consciente o Concello de Lugo, que dende hai anos desenvolve programas de formación para dar resposta ás demandas de servizos dunha poboación que envellece e precisa profesionais específicos. Un exemplo deste traballo municipal é o programa da Concellería que dirixe Sonia Méndez, Abrindo Camiños, que recibiu recoñecementos nacionais e internacionais.

O Alcalde destacou o importante traballo que están a facer os galegos da emigración que residen na que está considerada como a quinta provincia. Para o mandatario lucense este centro é unha mostra máis da característica principal dos emigrantes galegos “a axuda solidaria”.

O Fogar Galego para Anciáns de Domselaar naceu en 1943, cando catro amigos, emigrantes galegos en Arxentina, leron nun diario que unha anciana nacida en Ourense morrera de frío no portal da súa casa de Bos Aires. Nese momento decidiron crear un centro de acollida para persoas maiores en situación de precariedade económica.

Segundo os datos do CERA, máis de 314.000 galegos residen na diáspora, e concretamente, en Arxentina son case 120.000 os galegos residentes, Desta colectividade, estímase que o 80 por cento son maiores de 65 anos e o 26 por cento presentan algún tipo de discapacidade.

No caso de Arxentina hai 96.000 galegos con máis de 65 anos, e destes, preto de 25.000 poden atoparse en situación de dependencia.