Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo reúnese cos empresarios galegos residentes na Arxentina


# Martes, 30/10/2007
A segunda xornada desta viaxe de traballo inclúe un encontro cos lucenses que viven en Bos Aires

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía Sonia Méndez, visitarán a nova sede da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires que foi inaugurada polo Presidente galego a principios do mes de outubro

A Delegada María Xosé Porteiro atópase de viaxe, polo que serán recibidos polo Secretario da Delegación, Marco Ricoy, que lles ensinará este novo centro de referencia para galegos e españois residentes na Arxentina.

Só en Bos Aires hai na actualidade arredor de 113.000 galegos contabilizados no Censo Electoral de Residentes Ausentes, e en todo o país austral hai preto de 22.000 galegos nacidos na provincia de Lugo.

Arxentina foi un dos países que mellor acolleu ós emigrantes galegos, que son unha das colectividades máis numerosa e mellor considerada polos arxentinos. Foi este país o que lles permitiu recuperarse economicamente e formar familias que hoxe representan ós descendentes dos españois. A crise económica que a Arxentina sufriu no ano 2001 cos chamados corralitos non fixo ningún tipo de distinción, e hoxe tamén estos descendentes de emigrantes galegos teñen que subsistir nun páis que economicamente se recupera a bo ritmo.


O Alcalde de Lugo, manterá ademais unha xuntanza cos representantes da Asociación de Empresarios Galegos de Arxentina. O obxectivo deste encontro é potenciar a interrelación entre Lugo e Arxentina, e crear lazos de unión que permitan a coordenación das políticas de emprego e estratexias empresariais seguidas dende o Concello de Lugo e os empresarios galegos que residen neste país.

Esta asociación naceu coa finalidade de promover o progreso económico e social dos galegos na diáspora. Coñecen e colaboran coas iniciativas plantexadas para os emprendedores dende a Consellería de Traballo da Xunta de Galicia e agora están interesados en achegarse ós proxectos e iniciativas que xurden dende centros como o CEI ou dende a mesma Concellería de Economía e Emprego de Lugo, que dirixe Sonia Méndez, e que desenvolve proxectos europeos moi ben considerados nacional e internacionalmente.

Esta Asociación ten ademais entre as súas razóns de ser a difusión mediante cousas tanxibles e prácticas, da identidade galega e do sentimento de pertenza. Os representantes municipais lucenses experimentaron nesta viaxe, a través dos mozos descendentes de galegos cos que se entrevistaron, esa sensación de cercanía a Galicia e a Arxentina que teñen estos rapaces. Son mozos conscientes da súa orixe, pero que na actualidade non pensan en marchar fóra a vivir como fixeron os seus avós, senón en mellorar a súa situación no país arxentino mediante a formación, apoios e asesoramento.


De feito dende AEGA, imparten cursos de formación para emprendedores e están moi interesados en coñecer as políticas seguidas dende o goberno municipal lucense neste eido.

Nesta xornada, López Orozco e Sonia Méndez, tamén visitarán as instalacións de OSPAÑA que é unha obra social dos Inmigrantes españois e dos seus descendentes residentes na República Arxentina. Conta co apoio da Xunta de Galicia e está adscrito ó hospital do Centro Gallego de Buenos Aires.

O obxectivo é convertelo en centro de referencia para a asistencia sanitaria da colectividade española en Arxentina. É a primeira vez que o Executivo arxentino autoriza a posta en marcha dunha obra social ó hospital dunha colectividade estranxeira

Este hospital que hoxe visita o Alcalde de Lugo emprega a 1.077 persoas das cales 270 son médicos, e dispón de 310 camas. Aténdense 27.000 consultas externas ó mes e 950 ingresos.

Neste momento conta con 21.400 socios galegos e 3.400 co Programa España-Salud. Ten servizos médico-asistenciais en todo o territorio da república Arxentina, para brindar cobertura ós españois residentes legalmente no país, ás súas familias e ós cidadáns arxentinos que desexen afiliarse.


Para López Orozco é moi salientable o traballo realizado polo goberno galego para igualar os dereitos dos galegos en Galicia e no estranxeiro. Considera un éxito conseguir que o concepto de benestar social non teña fronteiras.

Ospaña naceu legalmente o pasado 11 de outubro de 2006, grazas a unha resolución da Superintendencia de Servizos de Saúde que creou esta nova Obra Social dos inmigrantes españois.

López Orozco e Sonia Méndez manterán ademais unha xuntanza pola tarde con algúns dos miles de galegos que residen en Bos Aires. Están convidados polo Centro Galicia da cidade e polo seu Presidente, Héctor Fernández Álvarez, descendente de fonsagradinos, e co que xa mantiveron un encontro de traballo.

Encontros moi produtivos

O Alcalde de Lugo e a Concelleira de Economía e Emprego mantiveron na primeira xornada de traballo un encontro co Secretario General de Empleo, Enrique Deibe, dependente do Ministro de Trabajo, Empleo y Seguridad Social de Arxentina, Carlos Tomada.

López Orozco explicoulle as políticas de emprego municipais “aínda que os Concellos non temos competencias plenas neste eido”. Presentoulle o Centro de Empresas e Innovación e o NODUS, posto a disposición de todas as empresas lucenses polo goberno municipal, e tamén lle falou dos compromisos de contratación que adquiren coas empresas coas que teñen acordos de formación .“Dende o Concello non queremos competir senón colaborar, colaborar activamente iso si”.


Enrique Deibe quedou gratamente sorprendido coa exposición feita polo mandatario lucense “non me imaxino o que farían se tiveran competencias plenas”.

Outro dos puntos no que houbo moita proximidade entre ámbolos dous gobernos foi no da municipalidade. O Secretario General de Empleo explicoulles que eles apostaban decididamente polos Concellos, pola súa modernización como xeito de que mellore a colectividade “Cos temas de emprego non se pode traballar a distancia. Os municpios deben involucrarse nestes temas”.

No transcurso da xuntanza, na que tamén estiveron presentes os representantes da Cámara de Comercio lucense, falaron das politicas de emprego seguidas en cada país e tamén do desemprego existentes.

López Orozco suliñou que a mobilidade dos nosos mozos é unha realidade “a globalización permítelles ir dunha punta a outra do planeta, pero non marchar definitivamente das súas terras, isto é así. Agora temos que ter clara e fortalecer a nosa vocación de ponte cos nosos antepasados que deixaron lazos de unión por toda Arxentina”.

A coordenación e unión das forzas que hai en cada punto foi o tema central da xuntanza. López Orozco e Deibe, acordaron ter un novo encontro en Lugo a mediados de novembro para concretar os temas tratados, entre eles a creación dunha rede de información e asesoramento internacional co Centro de Empresas e Innovación. Un proxecto posible no que participarían os emprendedores lucenses e no que se intercambiarían experiencias, ideas e coñecementos para sacar adiante novos proxectos en Lugo e na Arxentina.


O Alcalde de Lugo, referiuse tamén á aposta do goberno local polo turismo e pola difusión internacional da cidade. Agasallou ó representante arxentino cunha peza de Sargadelos que representa á Muralla e leva unha lenda coa declaración de Patrimonio da Humanidade, e cun pin de prata coa silueta da Mosquera. O Secretario General de Empleo, escoitara xa falar da Muralla Romana de Lugo, “dicen que es bellísima”, e o Alcalde comprometeuse a levalo a pasear por ela na súa visita á cidade.

A seguinte visita foi ó Centro Galicia de Buenos Aires, que é o lugar onde o Goberno arxentino, a Cámara de Comercio lucense e a Xunta de Galicia estudan a posibilidade de construir unha Escola de hostalería para a formación dos mozos descendentes de españois.

Trátase dun Centro moi moderno que conta con numerosos servizos postos á disposición da colectividade galega na Arxentina. Teñen unha ludoteca que comezará a funcionar a finais de febreiro, co comezo do novo curso arxentino, que cumpre unhas funcións moi similares ás existentes en Lugo; imparten 14 modalidades deportivas nos numerosos espazos que conforman o centro, e os equipos deportivos están identificados todos coa palabra Galicia. Aquí tamén imparten clases de cociña galega, baile galego para cativos, música galega, pero tamén clases de tango.


No remate desta visita viron de preto cadros orixinais de Castelao, como o da Úlima leición do mestre, moi simbólico para o Alcalde, e que están gardados neste centro como auténticos tesouros e entregáronse diversos agasallo.

O Alcalde asinou no libro de honra do Centro Galicia:

“Na última leccion do mestre, teño a honra de asinar neste libro do Centro Galicia de Bos Aires, onde vin a estraordinaria tarefa de homes e mulleres, galegos e doutras terras, capaces de acortar as distancias porque aman a cultura, a historia e ós homes e mulleres de Galicia e de fóra. Grazas polo voso traballo, dedicación e exemplo que resume o traballo feito por moitos galegos ós que tanto lles debemos. Non esquecerei este día”. Bos Aires 29 de outubro de 2007



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova