Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo reúnese co Secretario General de Empleo de Argentina


# Luns, 29/10/2007
López Orozco interesouse polas demandas dos mozos do país austral en materia laboral

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía Sonia Méndez, xunto con representantes da dirección da Cámara de Comercio lucense reuníronse co Secretario General de Empleo, Enrique Deibe, dependente do Ministro de Trabajo, Empleo y Seguridad Social de Arxentina, Carlos Tomada.

López Orozco, aproveitou para felicitar ó Secretario pola victoria da senadora Cristina Fernández de Kirchner nas eleccións presidenciais deste domingo.

O Alcalde e a Concelleira interesáronse polas políticas de emprego seguidas dende o goberno da República arxentina e polas demandas en materia laboral e de formación, feitas polos mozos deste país.

Aproveitaron para ofrecer ós responsables deste Ministerio as experiencias lucenses na creación de novas empresas e na busca de axudas nacionais e internacionais. Tamén lle propuxeron a posibilidade de establecer contactos entre os novos emprendedores arxentinos e os lucenses que empregan os recursos municipais, co fin de facer un intercambio de ideas empresariais.

En Bos Aires con 12 millóns de habitantes, hai 113.000 galegos contabilizados no CERA nestes momentos, o que indica a importante presenza de descendentes de galegos na capital. O paro e a busca de saídas profesionais son algúns dos temas que máis preocupan á mocidade boanerense e polos que se interesaron o mandatario lucense e a responsable de Emprego do Concello.

Na actualidade, o Centro de Empresas e Innovación de Lugo, ó que se referiu a súa responsable Sonia Méndez, como medio impulsor para a creación de empresas innovadoras, ten 23 novas iniciativas empresarias que dan traballo a preto de 100 persoas.
O Alcalde tamén aproveitou a tarde para visitar no Centro Galicia a que posiblemente será a sede da futura Escola de Hostalería que porá en marcha a Xunta de Galicia coa Cámara de Comercio.

Xornada intensa
A xornada de mañá será moi intensa. A primiera hora os responsables municipais visitarán a Delegación da Xunta de Galicia, onde serán recibidos polo Secretario da Delegación, Marco Ricoy en nome da Delegada, María Xosé Porteiro que non se atopa en Bos Aires e que non poderá estar con López Orozco ata o vindeiro día 1 de novembro.

O Alcalde coñecerá as instalacións desta nova Delegación inaugurada a principios de outubro polo Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño. É o primeiro Alcalde que visita estas novas oficinas para os galegos da Arxentina, e asinará no libro de honra.

Ás 12:00 horas dará comezo unha xuntanza coa Asociación de Empresarios Galegos de Arxentina (AEGA), que preside Rafael Osvaldo Méndez.

Pola tarde, o Alcalde e a Concelleira de Economía e Emprego, visitarán as instalacións de OSPAÑA, a Obra Social dos Inmigrantes Españois e os seus Descendentes Residentes na república Arxentina. É un proxecto que conta co apoio da Xunta de Galicia que transformará este hospital no centro de referencia para a asistencia sanitaria da colectividade española. López Orozco e Sonia Méndez serán recibidos polo Delegado da Fundación Galicia Saúde, Evaristo Oroña Marcote.

Ás 19:00 horas rematará a segunda xornada de traballo desta viaxe do mandatario municipal á Arxentina, cunha xuntanza cos lucenses que residen no país hispanoaméricano, no Centro Galicia de Bos Aires.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova