Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo creará unha rede de intercambio de experiencias con Arxentina


# Venres, 02/11/2007
Propiciarán os contactos entre emprendedores lucenses e arxentinos para que den a coñecer os seus proxectos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Delegada da Xunta de Galicia en Bos Aires, María Xosé Porteiro, xunto con representantes da dirección da Cámara de Comercio lucense, mantiveron unha xuntanza cos representantes da Confederación Arxentina de Mediana Empresa (C.A.M.E) e da Federación Arxentina de Mozos Empresarios (F.E.D.A.J.E), para explicarlles o traballo levado a cabo dende o Concello en materia de formación e emprego, e para coñecer a súa labor na Arxentina.

López Orozco explicoulles a base sobre a que se asenta o Centro de Empresas e Innovación (CEI) que naceu coa finalidade de dar soporte e asesoramento a novas empresas con base tecnolóxica. Tamén se referiu ós numerosos programas que está a desenvolver ou que puxo en marcha a Concellería de Emprego que dirixe a edila Sonia Méndez.

A Concelleira ofreceulles ós novos emprendedores arxentinos a posibilidade de entablar unha relación directa cos emprendedores lucenses. Plantexoulles a posibilidade de crear unha rede de intercambio de experiencias entre emprendedores. Para iso, puxo á súa disposición as novas tecnoloxías existentes na sede do NODUS lucense e propúxolles fixar unha data para realizar unha primeira videoconferencia Lugo – Arxentina e concretar as liñas de cooperación.

A proposta foi acollida con moito agrado polos emprendedores arxentinos que en breve concretarán esa cita coa Concelleira e a mocidade emprendedora lucense.

A finalidade desta iniciativa é que as novas ideas empresariais de cada parte do mundo poidan confluir na sede do CEI e que se convirta nun centro de intercambio de ideas e estratexias empresariais, así como un foro de vivencias plural e globalizado.


O Alcalde explicoulles que é fundamental para mellorar e evolucionar, que “teñamos a posibilidade de empaparnos das vivencias dos demais. En Lugo hai moitos proxectos empresariais moi interesantes que moitas veces non se fan realidade por non contar coa seguridade que da coñecer a evolución de experiencias similares”.

A maioría dos novos empresarios que acudiron a esta xuntanza, cualificada por todos como “moi satisfactoria”, teñen empresas con base tecnolóxica, software, páxinas web ou aplicación tecnolóxica á fibra de vidro, polo que ven moi viable o comezo de relacións estables con España.

Outro dos aspectos que lles chamou a atención, e que queren coñecer en profundidade, é o da colaboración da administración local en materia de emprego, formación e axuda ós emprendedores. Consideran o CEI como un bo exemplo do apoio que un goberno debe dar ós mozos empresarios que comezan, e propuxeron a posibilidade de presentarlle esta iniciativa ó Goberno Arxentino para que valore a posibilidade de poñer en marcha un proxecto destas características en Bos Aires.

Viaxe moi positiva
O Alcalde valorou moi positivamente esta viaxe á que acudiu convidado pola Cámara de Comercio lucense, “en primeiro lugar polos contactos que se fixeron, en segundo lugar polos contactos que se renovaron cos galegos que están na Arxentina, especialmente cos lucenses, e en terceiro lugar por saber que aquí temos uns embaixadores extraordinarios: os galegos e galegas, os seus fillos e os seus netos que aínda pensan en Galicia e en España”.

López Orozco considera que esta viaxe “é a mellor oportunidade para coñecer aspectos da emigración galega que nunca imaxinara. Temos que coidar a esta xente, deben colaborar no desenvolvemento futuro de Galicia e de Arxentina, non podemos acudir a eles só para que voten, eles representan a Galicia no estranxeiro”.

Destacou o papel relevante que deben xogar na formación e no apoio para que os empresarios lucenses veñan á Arxentina ou empresarios arxentinos vaian a Lugo.

López Orozco confirmou o compromiso do Concello coa Cámara de Comercio para levar a cabo “todo aquelo que supoña mellora e desenvolvemento da cidade e da provincia”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova