Cargando....
Concello de Lugo
07/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde entrega aos veciños das Casas Sindicais e do Sagrado Corazón os premios Lugo, Ponte Bonito


# Martes, 27/03/2007
O mandatario municipal ensalzou o esforzo destes veciños por facer de Lugo unha cidade máis bonita

O Concello estuda crear unha paleta de cores que sirvan de guía para harmonizar as pinturas das fachadas

O Alcalde, José López Orozco, xunto ao Concelleiro de Obras e Infraestruturas, Fernando Piñeiro, entregou esta mañá os premios Lugo, Ponte Bonito 2005 e 2006 aos veciños das Casas Sindicais de Lamas de Prado e de tres comunidades do Sagrado Corazón. Estes galardóns foron outorgados a semana pasada por unanimidade do xurado e suporán un investimento de 12.000 euros para cada barrio gañador.

Un grupo de representantes de ambos barrios acudiron ao acto de entrega dos premios que se celebrou no Salón de Plenos da Casa Consistorial e recolleron os diplomas acreditativos para cada un dos membros de cada comunidade.

O mandatario municipal ensalzou o esforzo destes veciños por facer de Lugo unha cidade máis bonita e agradeceu o traballo de embellecemento das súas casas, "pois contribúen a crear unha cidade chea de cor". Nesta liña, o Alcalde anunciou a proposta de elaborar unha paleta de cores para pintar as fachadas de xeito que sirva de guía para as comunidades que teñan intención de reformar as súas casas.

José López Orozco destacou o exemplo destes vecindarios e animou a todos os lucenses a colaborar para poñer Lugo bonita, "pois dende o Concello non só se convoca este premio, senón que tamén se rebaixou nun 95% as taxas impositivas nas obras de reforma de fachadas, canalóns, tellados... Todo para facilitar aos cidadáns que melloren o aspecto das súas vivendas".

Os representantes das comunidades de veciños das Casas Sindicais e dos números 24, 25 e 26 do Sagrado Corazón reuníronse posteriormente co Concelleiro de Obras e Infraestruturas para transmitirlle as distintas propostas para investir os 12.000 euros de cada premio en obras de reforma nos seus barrios. O Concello está a valorar estes proxectos e á espera das suxestións definitivas das comunidades.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova