Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Caride e o Alcalde inspeccionaron as obras que a CPTOPT realiza na ronda da Muralla


# Mércores, 23/05/2007


A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, acompañada do alcalde de Lugo, José López Orozco, realizaron un percorrido pola ronda da Muralla para comprobar in situ o desenvolvemento dos traballos de mellora desta vía que está a executar a CPTOPT e que son froito dun convenio co Concello de Lugo.

Política Territorial inviste preto de 1,1 millóns de euros nesta actuación que comprende un treito de 620 metros entre a Porta de Santiago e a Porta de San Pedro. As obras que se están a desenvolver consisten na pavimentación, renovación e implantación de servizos de saneamento, abastecemento de auga e canalizacións eléctricas e semafóricas. Así mesmo, a actuación inclúe a habilitación de zonas verdes e a dotación de mobiliario urbano.

Á proposta do Concello de Lugo, realizouse unha modificación do proxecto inicial segundo a cal unha zona intermedia de 250 metros (entre a rúa Vilalba e Cidade de Vigo) convértese en peonil, aínda que poderán circular por ela autobuses, taxis e residentes. As obras da zona peonil está previsto que rematen no prazo aproximado dun mes, mentres que o resto do tramo concluirase nuns días.

A totalidade do treito obxecto de actuación por parte da CPTOPT ten un carácter urbano e dá servizo ao tráfico de carácter local, xa que o resto do tráfico dispón dun itinerario alternativo a través doutras vías. Ademais, cómpre salientar que se trataba dun treito caracterizado por un firme da calzada e accesos defectuosos ou en mal estado.

Unha vez que rematen as obras, iniciaranse os trámites para o traspaso de titularidade deste tramo ao Concello. Cabe recordar que a Lei de Estradas de Galicia establece que “as estradas autonómicas, provinciais ou os treitos das mesmas nos que a circulación adquira características urbanas, se entregarán aos concellos respectivos”.

Cando xa se atopen finalizadas as obras pertinentes e asumida a súa titularidade, o Concello de Lugo correrá con todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da devandita vía, e calquera outra que lle corresponda como Administración titular dese tramo.

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova