Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello investirá preto de 500.000 euros en obras en varias rúas da cidade


# Xoves, 13/09/2007
O treito peonalizado da Ronda da Muralla abriuse ao tráfico para facilitar o acceso ao transporte escolar

Só queda por instalar o mobiliario urbano para o remate definitivo deste proxecto


A demolición do tapón urbanístico da Ronda da Muralla acometerase antes das festas de San Froilán

Este venres comezan as obras de renovación dos lastros da praza de Campo Castelo

O Concelleiro de Infraestruras, José Piñeiro, presentou varias obras que se acometerán nas vindeiras datas en distintas rúas da cidade por valor de 491.948 euros.

O edil anunciou tres novos proxectos de obras viarias incluídos no plan de renovación de pavimentos que acomete a súa concellería nas rúas de Lugo. "Este tipo de obras realízanse en vías que pola súa antigüedade xa non é suficiente o rebacheo nin o mentemento habitual e precisan un novo pavimento", tal e como explicou o edil. Ademais dos proxectos presentados, Piñeiro explicou que este plan continuarase en outras vías lucenses.

O Concello destinará 253.484 euros para renovar o pavimento nas rúas Roi Xordo e Pintor Corredoira e na avenida de Ramón Ferreiro. Os proxectos contemplan as seguintes obras:
- A instalación dunha nova capa de rodadura coa aplicación de aglomerado quente;
- A renovación de beirados, sumidoiros e sistemas de recollida de augas pluviales;
- A colocación dunha nova sinalización vertical e horizontal de tráfico.

Tanto o proxecto da rúa Pintor Corredoira, que conta cun orzamento de 59.920 euros, como o da rúa Roi Xordo, para o que se destinarán 53.918 euros, teñen un prazo de execución de dous meses e atópanse en fase de contratación. Nos vindeiros días será publicado no BOP e, a partir desa data, as empresas poderán presentar as súas propostas.

As obras da avenida de Ramón Ferreiro terán un prazo de execución de catro meses e contan cun presuposto de 139.646 euros. Este proxecto foi presentado esta mañá para entrar en fase de contratación.

O edil explicou que neste proxecto contémplase a eliminación do carril bus nesta avenida, decisión tomada conxuntamente entre a Concellería de Infraestruturas e a Concellería de Protección á Comunidade.

Abre a Ronda da Muralla ao transporte escolar
José Piñeiro explicou que desde o pasado mércores, día 12 de setembro, o Concello abriu ao tráfico o treito peonalizado da Ronda da Muralla co fin de facilitar ao transporte escolar o acceso aos colexios.

As obras deste ambicioso proxecto de peonalización están practicamente rematadas, pois so queda pendente a instalación do mobiliario urbano. O edil explicou que serán colocados bancos, papeleiras e xardineiras que servirán para delimitar a zona reservada totalmente para os peóns, da zona pola que poderán circular os vehículos de transporte escolar e os residentes.

Demolición do tapón da Ronda da Muralla
O Concelleiro anunciou o inicio das obras de demolición dos inmobles número 181, 182, 183, 184 da Ronda da Muralla. Esta demolición vai permitir dotar a este tramo da Muralla dunha beirarrúa de ancho adaptado á normativa urbanística sobre barreiras arquitectónicas, para a circulación adecuada e segura dos peóns, ademais de establecer a alineación das futuras construcións co resto dos edificios.

O edil pediu "colaboración e paciencia aos condutores polas molestias que poidan ocasionar as obras, xa que o carril da esquerda quedará pechado á circulación" e explicou que "estas obras teñen moita importancia porque non só servirán para a demolición duns inmobles en mal estado, senon que servirán para dotar aos peóns dunhas infraestruturas para que circulen con seguridade".

Unha vez que se remate co derribo dos edificios realizaranse as obras de construción da beirarrúa e acometeranse con axilidade co fin de que estén rematadas antes das festas do San Froilán.


Renovación de lastros no Campo Castelo
Doutra banda, José Piñeiro anunciou que "esta tarde comezan os preparativos para acometer a renovación do pavimento na Praza do Campo Castelo".

As obras, que contan cun orzamento de 181.785 euros, planificaranse por treitos co fin de acabar a primeira zona antes do San Froilán e paralizar os traballos durante as festas. A primeira área de traballo estará comprendida entre a Praza do Campo Castelo e a de Anxo Fernández Gómez, onde se traballará durante quince días.

Estas obras son a continuación dun plan de arranxo do pavimento das rúas do centro histórico, que xa se levou a cabo na rúas do Progreso, de Xoán Montes e Nóreas. Ademais, unha vez se remate na Praza do Campo Castelo, serán renovados os lastros das rúas Amor Meilán, Raíña, Coronel Teixeiro e Praza de Armañá.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova