Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Consellería de Medio Ambiente emprende unha campaña fronte ao cambio climático que implica a toda a sociedade e sitúa a Galicia como líder en sensibilización dentro do Estado


# Xoves, 22/03/2007
Este é un dos programas incluídos dentro do Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático, que contempla ademais a mitigación, adaptación e investigación deste fenómeno

  • A campaña presentada hoxe inclúe actividades de difusión dirixidas á poboación en xeral con conferencias, exposicións e material divulgativo; cursos de formación para universitarios e un proxecto de educación ambiental dirixido a escolares de Primaria e Secundaria

  • programa educativo galego Climántica, que xa foi presentado no Ministerio de Medio Ambiente, será difundido no resto das comunidades autónomas

  • A consellería de Medio Ambiente distribuirá 1.500 unidades didácticas en todos os colexios de Galicia, que se acompañarán do DVD encargado polo departamento autonómico sobre o cambio climático

    Formar e sensibilizar sobre o cambio climático, as súas evidencias e os seus efectos, para que a cidadanía adopte novos comportamentos que conduzan a unha sociedade menos dependente das emisións de CO2. Estes son os obxectivos principais dun amplo e completo programa co que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible pretende chegar a todos os sectores da sociedade. O Conselleiro de Medio Ambiente presentou o programa en Lugo acompañado polo Alcalde de Lugo.

    Trátase dun proxecto que inclúe un programa de educación ambiental denominado Climántica, que xa foi presentado no Ministerio de Medio Ambiente, quen recoñeceu o seu carácter liderado neste eido e se comprometeu á súa difusión no resto das comunidades autónomas.

    As accións planificadas, en opinión dos responsables da Consellería de Medio Ambiente, teñen dado como resultado que, con só 18 meses de traballo, o Observatorio da Sostibilidade de España, recoñeza a Galicia,

    xunto con Andalucía, Valencia, Illas Baleares e País Vasco, como as comunidades que destacan no deseño de accións de loita contra o cambio climático.

    A campaña de formación e sensibilización é un dos catro programas incluídos dentro do Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático posto en marcha polo actual goberno. O plano inclúe, ademais da xa mencionada, accións de:

    » Mitigación mediante a posta en marcha do Plan Galego de Redución de Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro.

    » Adaptación, a través do Proxecto de Análise das Evidencias e dos Impactos do Cambio Climático en Galicia e o Plan Galego de Adaptación fronte o Cambio Climático

    » Investigación, coa creación da Rede Galega de Observación do Territorio e do Centro de Investigación do Sistema Climático.

    Todos estes programas están na actualidade en fase de elaboración.

    No que respecta a campaña de sensibilización, cabe sinalar que inclúe actuacións distintas programadas en función do sector da poboación ao que vai dirixido. Así, está previsto que se realice unha campaña de difusión e divulgación dirixida á público en xeral a través dos medios de comunicación e mediante ciclos de conferencias, exhibición de vídeos e exposicións sobre o cambio climático. As charlas, que se realizarán en colaboración coa Obra Social de Caixa Galicia, desenvolveranse, primeiro, nas sete cidades galegas. A de A Coruña é a terceira urbe na que ten lugar a conferencia, na sede da Fundación Caixa Galicia, e a exposición, que poderá ser visitada dende hoxe e ata o 14 de marzo no Centro Universitario de Riazor.

    Outro dos piares da campaña de sensibilización é o fomento de cursos de formación a nivel universitario. De feito, o ano pasado a dirección xeral de Desenvolvemento Sostible, coa colaboración da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, organizou o curso Cambio Climático: Reto e Oportunidade do Século XXI, que tivo lugar no mes de xullo no Centro de Investigación Ambiental de Lourizán (Pontevedra).

    Proxecto Climántica

    Pola súa banda, as actividades dirixidas aos escolares agruparanse no proxecto de educación ambiental denominado Climántica, dirixido a alumnos de Primaria e Secundaria. O programa contén oito unidades didácticas, das que está previsto que se desenvolvan este ano as catro primeiras, que levan por título Cambia o clima?, Si queimamos quentamos,

    O lixo tamén quenta e os Cambios no clima e os cambios na auga. A través destas unidades se informa dun xeito divulgativo das causas e consecuencias do cambio climático aos alumnos de Secundaria. Está previsto que se distribúan 1.500 unidades, en colaboración coa Consellería de Educación, en todos os colexios de Galicia, xunto co DVD que encargou a Consellería de Medio Ambiente sobre o cambio climático, que leva por título Cambio Climático. O reto do século XXI.

    Mentres, os alumnos de Primaria contarán con materiais tales como curtos animados e cómics, a través dos que se explicará todo o referido ao fenómeno do cambio climático.

    Toda esta documentación tamén se fará chegar á cidadanía a través dunha revista, da que se publicarán varios números e na que se recollerán as principais conclusións das unidades didácticas escolares.

    Así mesmo, unha páxina web recollerá todo o material e constituirá un lugar de debate e participación, no que os cidadáns poderán expresar as súas opinións sobre o cambio climático. O portal (que se espera estea operativo dende hoxe a través da páxina web da consellería), disporá de tres áreas: unha que contén un espazo de información xeral e un blog de acceso xeral para a cidadanía e unha parte didáctica, na que os alumnos de secundaria poderán realizar prácticas relacionadas coas unidades.




  • Compartir:
    Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
    RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova