Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aproba definitivamente o seu Plan Municipal de Emerxencias


# Mércores, 23/05/2007
Convértese na segunda gran cidade galega que ten este valioso macro-documento. O principal obxectivo é a seguridade dos lucenses e promover a cultura da prevención.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe definitivamente o Plan Municipal de Emerxencias do Concello de Lugo, o que a converte na única gran cidade de Galicia xunto á Coruña que ten este importante documento. O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Ángel González Corredoira, presentaron o macro-documento no que tamén colaborou o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago, considerado un referente nacional e internacional no tocante a estes temas.

Aínda que segundo os redactores deste plan, Lugo é historicamente unha cidade con riscos baixos (sísmicos, químicos, pandemias, etc), o Concello de Lugo creou o Plan Municipal de Emerxencias. “Máis vale previr que curar”, afirmaba hoxe o Alcalde. Por iso, é un estudo cientifico e pormenorizado, froito do traballo comezado hai 4 anos, da xestión do territorio e dos seus riscos co obxectivo principal de corrixir e previr.

Aborda minuciosamente qué facer diante catástrofes naturais, grandes aglomeracións, qué medios humanos e materiais deben empregarse para cada caso, cantos minutos necesitan para desprazarse, etc. Pero ademais o Plan contempla un Plan de Actuación Municipal Específico para incendios forestais, riscos sísmicos, inundacións e mercadorías perigosas.

O Alcalde subraiou que “tivemos a gran sorte de escoller ó mellor socio: á Universidade de Santiago, xa que ten un Laboratorio do Territorio que é referente en España e no estranxeiro”. López Orozco avanzou que “todo o Plan estará colgado na páxina web do Concello nos próximos días a disposición de todos os cidadáns”. Paralelamente o Concello iniciará unha importante campaña de difusión, xa que é necesario implicar a toda a cidadanía neste plan. Celebraranse reunións informativas nas asociacións, colexios, empresas, así como con todas as forzas de seguridade, servizos municipais, sanitarios, etc.

Enrique Fernández Tomé, asesor da Alcaldía en asuntos de Protección Civil, e Rafael Crecente, profesor titular de Proxectos e Planificación do Departamento de Enxeñería Agroforestal do campus de Lugo da USC explicaron tecnicamente a importancia de fomentar “a cultura da prevención entre a cidadanía”. Os especialistas afirman que Lugo ten, nun principio, riscos de perigo moi baixos e que así o avalan os estudos históricos realizados para o Plan.

Finalmente, o Alcalde quixo agradecer especialmente ó Concelleiro de Protección da Comunidade a súa aposta por este Plan de Emerxencias.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova