O Concello de Lugo pon en marcha o servizo de aluguer de bicicletas Rebicíclate
# Venres, 21/09/2007
Será gratuíto durante o ano 2007 para fomentar o seu uso entre a poboación como transporte alternativo
Deste xeito o Goberno local cumpre con un dos obxectivos da Axenda 21
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade e o Director do INEGA Xoán Ramón Doldán García, presentaron o novo servizo de aluguer de bicicletas que será gratuíto en Lugo ata o ano 2008.
Rebicíclate, nome que recibe esta nova oferta do Concello de Lugo para a cidadanía, ten como obxectivo que os lucenses se reciclen, que cambien o “chip” e que comecen a ver as bicicletas como un medio de transporte alternativo máis beneficioso para o Medio Ambiente.
Non é un deporte nin unha diversión só para o verán, senón que permite percorrer a cidade mellorando o grao de utilización do espazo público, o abastecemento enerxético de Lugo, a saúde dos lucenses e tamén reduce o ruído ambiental e as emisións contaminantes.
A intención do goberno local é potenciar o uso da bicicleta, aproveitando ademais as conexións coas paradas dos autobuses urbanos. De feito, a primeira base que se inaugura está situada na rúa Alcalde Ángel López Pérez ó carón dunha marquesina do bus.
En total poranse en marcha cinco bases e circularán arredor de 100 bicicletas perfectamente identificadas pola cidade. Terán un horario de 9:00 a 18:00 horas entres os meses de outubro a marzo e de 9:00 a 22:00 horas o resto do ano. Unha vez comprobada a resposta da cidadanía, estudarase a ampliación das bases e tamén dos horarios de uso.
O funcionamento de Rebicíclate é moi sinxelo. As persoas que desexen inscribirse poderán facelo na Oficina de Turismo Municipal situada na Praza da Constitución cubrindo unha solicitude. O documento que hai que cumplimentar tamén estará dispoñible na páxina que Rebicíclate terá, dende o luns, na web municipal: www.lugo.es.
Haberá que deixar unha fotocopia do DNI e o usuario recibirá unha tarxeta persoal coa que poderá retirar calquera das bicicletas dispoñibles.
Cumprir as normas de circulaciónÉ fundamental que os usuarios deste servizo cumpran as normas de circulación, para evitar accidentes nas rúas da cidade. Aquí entra en xogo a educación vial de todos os lucenses que deberán respectar e coñecer a normativa de tráfico. Para garantir o correcto uso haberá en cada base cámaras de videovixilancia.
Rebicíclate comeza andar o vindeiro luns 24 de setembro con dúas bases en marcha, a da Rúa Alcalde Ángel López Pérez e a da Avenida da Coruña. Progresivamente entrarán en funcionamento as outras tres bases: Bernardino Pardo Ouro (zona do Campus), xardíns de Simón Bolivar e Praza do Ferrol. Se a iniciativa ten unha boa acollida, ampliarase o número de bases e de bicicletas.
Esta acción está incluída dentro do Convenio de colaboración asinado co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte urbano na cidade, en lugar do automóbil. Por este motivo o Concello decididiu que o servizo sexa gratuíto ata o 1 de xaneiro do ano 2008, a partir desa data a emisión da tarxeta terá unha fianza de 3 euros e a primeira hora de cada uso será totalmente gratuíta. A partir da segunda hora, haberá que pagar un euro cada 30 minutos.
A inauguración desta primeira base está enmarcada na Semana da Mobilidade 2007 e ó acto asistiron ademais do Alcalde de Lugo, o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, o Director do INEGA, Xoan Ramón Doldán García, distintos concelleiros e os voceiros dos grupos municipais.
Compartir: