Imprimir

A CASA DA MÚSICA ESTREA A SÚA FACETA FORMATIVA CON TRES CURSOS DE INSTRUMENTOS MUSICAIS


17/1/2007 Están destinados a mozos e inclúense dentro do programa de accións formativas da Concellería de Xuventude

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, presentou tres cursos de instrumentos musicais que se van celebrar na Casa da Música a partir do mes de febreiro. Deste xeito, a Casa da Música estrea unha nova faceta ao acoller accións formativas que completan a oferta de locais de ensaios e de concertos.

O programa de cursos "Casa da Música 2007" comprende tres cursos gratuítos destinados a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos e darán comezo a principios de febreiro. Cada un dos cursos conta con quince prazas e está especializado nun instrumento musical.

Deste xeito haberá:

  • Un curso de Guitarra en horario de 18.00h a 20.00h. todos os martes.
  • Un curso de Percusión todos os mércores de 18.00h a 20.00h.
  • Un curso de Baixo eléctrico as tardes do xoves de 18.00h a 20.00h.

    O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe ata o 1 de febreiro e poderán formalizarse as solicitudes na Oficina de Información Xuvenil (OIX) -na terceira planta do Centro social Uxío Novoneyra- en horario de mañás de 8:30 a 14:30 horas, de tardes de 17:00 a 20:30 horas de luns a venres, e de 10:00 a 14:00 horas os sábados.

    Os requisitos para inscribirse son as idades sinaladas anteriormente, estar censado na cidade ou no seu defecto estudar ou traballar en Lugo e presentar un documento acreditativo. Os menores de idade deben acompañar a documentación necesaria dunha autorización dos pais ou dos titores legais que se lles facilitará na OIX.

    No caso de que o número de solicitantes sexa maior que o número de prazas ofertadas haberá un sorteo aberto ao público no Centro Social Uxío Novoneyra o día 2 de febreiro ás 12.00 horas.

    Os cursos da Casa da Música inclúense nun programa formativo elaborado pola Concellería de Xuventude para o ano 2007 e comprende distintos campos de acción que serán anunciados nos próximos días.