Cargando....
Concello de Lugo
21/08/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Ricardo Varela márcase como obxectivo incorporar en tres anos a 23.000 mulleres nas profesións nas que están menos representadas


# Venres, 16/02/2007
A Consellería de Traballo investirá 7 millóns de euros na formación de 2.400 mulleres da provincia de Lugo en 2007

O conselleiro de Traballo apuntou que ao longo de 2006 realizáronse 37 accións experimentais nas que participaron 1.700 mulleres e nas que a Consellería investiu un total de 3,8 millóns de euros

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, afirmou hoxe que ten como obxectivo aumentar en 10 puntos a presenza das mulleres nas 25 ocupacións onde representen menos do 10%, o que supón a incorporación de 23.250 mulleres. O conselleiro adiantou que, ademais, "nas ocupacións nas que supoñan menos do 20%, insertaranse 12.000 desempregadas; 6.000 mulleres onde representen menos do 30% e onde non acaden o 40%, incorporaranse 7.700 mulleres.

Ricardo Varela fixo estas declaracións esta mañá en Lugo, na inauguración do curso de formación continua do programa experimental para mulleres no sector do automóbil promovido pola Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles de Lugo (APREVAR), no que estivo acompañado polo Alcalde de Lugo, José López Orozco.

O titular de Traballo explicou que o documento Obxectivos e Medidas de Emprego de Galicia, un dos pactos do Acordo polo Emprego froito do Diálogo Social, busca reducir a segregación ocupacional das mulleres a través de medidas para a súa inserción en profesións masculinizadas.

Durante a súa intervención, Ricardo Varela informou das medidas que se van a poñer en marcha para acadar a igualdade laboral, como os itinerarios integrados de inserción personalizada e os plans de acción individuais adaptados ás necesidades e características das persoas. Tamén se desenvolverán accións informativas e de fomento do emprego de mulleres en sectores emerxentes e programas de orientación e formación para a incorporación da muller ao mercado laboral.

Este paquete de medidas tradúcese nun compromiso orzamentario que ascende a máis de 225 millóns de euros que a Consellería de Traballo dedicará ata o ano 2009, declarou Varela.


A situación laboral da muller en Galicia
Durante a súa intervención, o conselleiro de Traballo fixo unha análise da situación laboral da muller galega. Así, informou de que "existe un diferenza salarial importante", xa que as mulleres galegas perciben o 73% do salario medio dos homes. Por outra banda, teñen unha taxa de paro 10 puntos máis alta cá dos homes e unha taxa de actividade moi inferior, un 45% fronte ao 63% do colectivo masculino, apuntou.

Varela afirmou que esta situación de desigualdade lévanos a afirmar que "mentres as mulleres non se incorporen a todas as actividades e profesións non poderemos acadar o pleno emprego e non se poderá solucionar o problema do paro feminino".

Nese senso, Varela sinalou que ao longo de 2006 a Consellería de Traballo xa apostou pola incorporación de mulleres a ocupacións nas que se atopan subrepresentadas a través da formación. "Esta medida traducíuse no incremento da contratación indefinida das mulleres ata acadar 40.962 contratos, un 38,2% máis que no ano 2005", indicou. Engadiu que o paro rexistrado diminuíu en 5.220 mulleres de media anual no 2006. "Se en 2005 por cada 10 homes nos que descendeu o paro rexistrado houbo 4 mulleres, en 2006 por cada 10 homes foron 9 as mulleres", exemplificou.


Investimentos en Lugo
Por outra banda, o conselleiro avanzou que ao longo de 2007 a Consellería de Traballo investirá unha partida orzamentaria de 7 millóns de euros para formar a 2.400 mulleres da provincia de Lugo.

Varela recordou que en 2006 "foron desenvolvidas na provincia 37 accións experimentais nas que participaron un total de 1.700 mulleres, o que supuxo un investimento de 3,8 millóns de euros". No marco destas actuacións, foi impartido un programa experimental con compromiso de contratación (do 60%) para mulleres no sector do automóbil, dunha duración de 300 horas, recordou Varela. A través deste curso formativo, "as mulleres participantes puideron beneficiarse dos servizos de orientación, información e busca de emprego e programa de mobilidade laboral". "En total investíronse 27.000 euros nesta actividade formativa, xestionada por Aprevar", afirmou o conselleiro.

O representante da Xunta dixo que ademais destas actividades, na provincia de Lugo foron impartidos por esta entidade outros 7 cursos de formación ocupacional, nos que participaron 105 alumnos e aos que se destinaron 335.000 euros. Asemade, no eido da formación continua, Aprevar levou a cabo 3 accións nas que participaron 317 alumnos, ás que a Consellería de Traballo dedicou 185.000 euros.

Por último, salientou a relevancia deste tipo de actividades, que teñen por finalidade "potenciar a incorporación de mulleres ao mercado de traballo naquelas ocupacións nas que se atopan subrepresentadas, como é o caso do sector do automóbil".


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova