Cargando....
Concello de Lugo
07/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Xuventude ofrece 10 cursos formativos gratuítos e con saídas laborais


# Venres, 19/01/2007
Cursos de maxia, monitores de tempo libre, linguaxe de signos, musicais, de curtametraxes...

É a primeira vez que a Concellería ofrece un abano tan amplo de formación.

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, presentou varios cursos formativos que ofrecen diferentes saídas no mercado de traballo e que completan os de tipo musical presentados hai poucos días. Algúns cursos repiten temáticas abordadas en anteriores edicións que tiveron moita demanda entre a xuventude lucense. É o caso dos Cursos de Monitores de Tempo Libre ou de Linguaxe de Signos. Outros son pioneiros na cidade, como o Curso de Maxia.

O prazo de inscrición comeza o 22 de xaneiro. Os interesados deben contactar coa Oficina de Información Xuvenil -na terceira planta do Centro Social Uxío Novoneyra-. Todos son gratuítos. O único requisito é estar censado en Lugo ou ben estudar ou traballar na nosa cidade.

Curso de maxia
É o curso máis novidoso, xa que se trata do primeiro de Maxia organizado polo Concello. Para iso contouse como monitor co Mago Rafa, un profesional recoñecido que actualmente foi reclamado nas Illas Canarias como profesor para as xornadas de maxia. O Concello aposta pola maxia despois dos éxitos recolleitados con "Lugo Máxico", que converteu á nosa cidade nunha das capitais españolas da maxia, e tendo en conta que "Lugo exporta magos", como afirmou Rosana Rielo.

O curso terá unha duración de 20 horas e comezará o 3 de febreiro para rematar o 28 de abril. Impartirase na Casa da Música os sábados para un total de 20 persoas de entre 14 e 30 anos. Como colofón, haberá unha actuación de todos os alumnos.

Cursos de Monitores de Tempo Libre
Neste caso haberá 3 a diferenza doutros anos que se celebraba só 1. "O motivo é que queremos cubrir toda a demanda", afirmou Rosana. Os cursos terán unha duración de 350 horas (200 horas lectivas + 150 horas de prácticas). 2 deles serán de Monitores de Tempo Libre en horario de semana e de fin de semana -que era outra das demandas dos alumnos-. Ademais, e como novidade, haberá un curso de Directores de Tempo Libre -para o que é necesario ser monitor-. Todos están dirixidos a persoas de entre 18 e 30 anos e hai un total de 25 prazas por curso.

Rosana Rielo explicou que "case o 100% dos alumnos que fixeron os cursos de monitores con nós xa tiveron algunha experiencia laboral grazas a esta formación. Ademais o Concello conta con eles para as nosas actividades". Todos os anos son moi demandados porque este tipo de formación non sempre está o alcance económico da xuventude e o Concello ofrece a oportunidade de facelo gratis.

Cursos Linguaxe de signos
A Concellería realizará dous cursos para un total de 15 persoas por cada un. Está destinado a mozos de entre 14 e 30 anos:
  • Curso de Iniciación (120h).
  • Curso de iniciación II (60h). Neste curso terán preferencia as persoas que participaron o ano pasado no curso de Iniciación I organizado tamén pola Concellería de Xuventude.

    O Curso de iniciación terá lugar os luns, mércores e venres desde o 5 de febreiro ata o 20 de xuño na Casa da Música. O Curso de iniciación II será os martes e xoves desde o 6 de febreiro ata o 29 de maio no Centro Social Uxío Novoneyra.

    Curso de Curtametraxe
    O Concello convocouno hai 2 anos con moita aceptación. Ten unha duración de 32 horas, comezará o 2 de marzo e rematará o 18 de maio. Impartirase na Casa da Música os venres polas tardes desde o 2 de marzo ata maio. Como colofón, os alumnos gravarán unha curtametraxe a fin de semana do 5 e 6 de maio. Hai un total de 20 prazas para este curso, destinado a mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos.

    Cursos Casa da Música
    Cos presentados en días pasados, Xuventude ofrece os seguintes:
  • Curso de Guitarra - martes de 18.00h a 20.00h.
  • Curso de Percusión - mércores de 18.00h a 20.00h.
  • Curso de Baixo eléctrico - xoves de 18.00h a 20.00h.
  • Curso de Técnica Vocal - venres de 16.00h a 18.00h.



  • Compartir:
    Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
    RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova