Imprimir

O PROGRAMA LUGO ABRINDO CAMIÑOS, PROTAGONISTA DUN DOCUMENTAL REALIZADO POLA UNIÓN EUROPEA


11/3/2007

O programa Lugo, Abrindo Camiños será de argumento principal para a realización dun documental encargado pola Oficina de Política Rexional da Unión Europea. Este departamento está traballando na produción de curtametraxes que reflictan os cambios demográficos que está a vivir Europa, e entre varios proxectos, foi elixido o programa deseñado polo Concello lucense para exemplificar as políticas de integración social e promoción do emprego.

O proxecto municipal, que segundo a Comisión Europea é o máis representativo das iniciativas para a inserción laboral, será o protagonista dun documental que se emitirá en máis de 200 televisións de todo o mundo. A filmación estará artellada en torno ás historias de varios participantes no programa que ben atoparon traballo, montaron a súa propia empresa ou se converteron en docentes de programa similares; complétase coa narración das experiencias dos técnicos municipais e coa entrevista ao Alcalde como artífice deste tipo de políticas sociais.

Lugo, Abrindo Camiños recibe deste xeito un novo recoñecemento pola eficacia do seu labor. Administracións como o Ministerio de Administracións Públicas español ou comisións da Unión Europea salientaron o carácter pioneiro e exemplar deste programa.

Este proxecto desenvolveuse ao longo de tres anos e medio e con el beneficiáronse un total de 585 persoas. O orzamento das tres edicións ascendeu a 4.844.536 euros, dos cales o 70% estivo financiado polo Fondo Social Europeo. Ao remate deste programa, en marzo de 2006, máis de 300 persoas atoparan un posto de traballo. Por outra banda, os participantes, ademais de formación, recibiron apoio para as súas iniciativas empresariais das que se materializaron 16 proxectos en outras tantas empresas de servizos de proximidade.

Os beneficiarios participaron en 49 cursos de formación ocupacional, con alternancia de formación teórica e práctica en empresas. Pero, Lugo, Abrindo Camiños foi moito máis que un compendio de cursos, pois tamén foi un programa de acompañamento e asesoramento integral aos alumnos, que contaron cun seguemento dende o acceso ao programa e ata que atopa un traballo.

A súa principal misión era a de remover os obstáculos que puideran dificultar a plena integración social e laboral das persoas.