Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Preto de 200 persoas confirmaron a súa participación no programa do Día do Emprendedor


# Martes, 20/03/2007
Os máis destacados coñecedores do autoemprego do país ofrecerán as súas experiencias os días 22 e 23 de marzo

A Concellería de Promoción Económica, Emprego e Comercio, que dirixe Eva Real, celebrará o xoves e o venres o Día do Emprendedor cun elaborado programa para abarcar todas as inquedanzas deste colectivo.

Serán dous días de actividades, entre as que figuran ponencias, mesas redondas, xogos interactivos e tamén un concurso para escolares. Un total de 200 persoas teñen realizada xa a súa reserva para algunha das actividades programadas.

Tal e como indicou a Concelleira, “trátase de crear unha programación que incentive aos emprendedores, do mesmo xeito que amplían as súas experiencias e a súa formación”. Ademais, contarán coa presencia dos primeiros espadas do mundo emprendedor.

O programa desenvolverase entre as nove e media e as oito da tarde o xoves e na mañá do venres.

Entre todo o previsto para os dous días destaca o I Certame Superemprendedor 2007: Como chegar a ser un emprendedor excelente”, organizado para fomentar este tipo de autoemprego entre os mozos. Neste concurso participarán os centros de ensino de Lugo, que presentarán os seus proxectos de empresas defendidos polos propios rapaces. Un grupo de expertos serán os encargados de valorar a viabilidade dos proxectos.

Ademais, entre os ponentes que estarán presentes nestas dúas xornadas figuran especialistas como Fernando Trías de Bes, consultor internacional en investigación estratéxica e comercial e coautor do best-seller “La Buena Suerte”.

José Luis Calvo Pumpido, presidente do grupo Calvo; Jorge Dorribo, Xerente de Laboratorios Nupel; Luis García Santalla, Director Xerente de Begasa; Juan Vázquez Gancedo, Xerente de Bodegas Martín Códax; Fernando Vázquez Núñez, Director Xeral de Imatia Innovation, e Javier Bullón Camarasa, Director Xeral de Ferroatlántica, son os nomes de máis sona do elenco de conferenciantes.

Neste grupo destaca tamén a presencia das mulleres, con Charo Vidal Galelego, Vicepresidenta da Organización de Mulleres Empresarias e Xerencia Activa (OMEGA) ou Pilar Gómez-Acebo Avedillo, Presidenta de Honra da Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE).

O programa combina tanto as conferencias coas mesas redondas e a sucesión de talleres, entre o que destaca “Imos a contar mentiras... e algunha verdade sobre o emprendedor”, a cargo de varios emprendedores de éxito de Galicia.

Complementan o programa máis actividades lúdicas como varios xogos virtuais e interactivos coa base dun proxecto emprendedor ou a representación teatral de Hipócrita Teatro.

Para participar neste programa, que é gratuíto, é necesario inscribirse a través da web municipal, www.lugo.es, a través do seu enlace co Centro de Empresas e Innovación, ou nas propias oficinas do CEI.

A Concelleira fixo un chamamento á participación dos mozos e mozas lucenses que se atopan interesados por esta opción de emprego “polas moitas opinións diferentes que atoparán no mesmo, así como pola elevada calidade dos participantes”, dixo.

ENQUISA

Preto do 43% dos usuarios da web municipal, www.lugo.es, considera que o mellor método de financiamento dos emprendedores de Lugo son os préstamos subvencionados.

Ademais, destaca como outra fronte de financiamento os cartos cedidos ou prestados por familiares e amigos, o que supón o 30% dos votos.

En menor grao, valóranse como fonte de investimento de maior e menor importancia as sociedades de capital risco, as entidades financieiras e o patrimonio persoal e finalmente as sociedades de garantía recíproca.

Esta esquisa estivo activa dende o 12 de marzo até esta mañá e foi sustituída por unha nova que tentará establecer o perfil do usuario de internet lucense.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova