Imprimir

O CONCELLO ULTIMA O PROXECTO PARA INSTALAR CÁMARAS DE VIDEOVIXILANCIA NO CEAO


10/4/2007 O proxecto Parque convertirá este polígono industrial nun referente internacional

Os empresarios beneficiaranse de rede WIMAX, numerosos cursos de formación e auditorías medioambientais, entre outros

O Concello de Lugo e a Asociación de Empresarios do Ceao, a través do denominado Proxecto Parque, puxeron en marcha ambiciosas medidas que convertirán ó polígono industrial nun referente internacional. A Concelleira de Emprego, Eva Real, e o Presidente da Asociación, Ángel López Lugilde, deron a coñecer as principais apostas que suman un investimento total de 1.880.000 euros.

"Estamos a levar a cabo unha serie de actuacións para a modernización tecnolóxica do polígono que convertirá en máis competitivas ás empresas", anunciou Real. O proxecto Parque financia infraestruturas que farán do mesmo un emprazamento empresarial máis seguro, sostible e mellor comunicado. "Este polígono converterase nun referente a nivel internacional en canto á prestación de servizos a empresas baseado nas novas tecnoloxías", afirmou Eva Real. Dos 233 parques de Galicia e norte de Portugal, só 5 concentran unha parte dos servizos avanzados que ofrece este proxecto.

"Imos satisfacer unha vella reivindicación: a mellora da seguridade. Nestes momentos estamos a traballar nun proxecto para dotar ó polígono dun sistema de videovixilancia que actuará de forma preventiva e disuasoria da delicuencia", explicou a Concelleira. Contempla a instalación de 15 cámaras de visión xeral e outras 15 de lectura de matrículas con visión nocturna por medio de infravermellos que dotarán ó polígono da seguridade que as empresas necesitan. A Policía recibirá as imaxes, razón pola que o Concello renovará e ampliará o equipamento da sala de control de tráfico. Adquirirá novos monitores, unha videograbadora e materiais para almacenamento das imaxes. Os empresarios dispoñerán do sinal de alarma en calquera ordenador conectado a internet.

Para poñer en marcha a videovixilancia, o Director de Protección Civil está a tramitar con "escrupuloso respecto á legalidade existente" un estudo para presentar diante o Tribunal Superior de Galicia. Numerosos polígonos en España gozan dun sistema de seguridade de características semellantes. De feito, o modelo de seguridade que se vai implantar garda gran paralelismo co da cidade de Londres, tal e como afirmou Eva Real e o Presidente da Asociación.

Rede WIMAX
Nos próximos días sairá a concurso público o proxecto para a implantación no polígono dunha rede sen fíos de banda ancha WIMAX. Así os empresarios poderán conectarse a internet desde calquera lugar. É un proxecto ambicioso que ofrecerá gran calidade para os beneficiarios, segundo explicou a Concelleira.

Nas vindeiras semanas adxudicaranse os dous puntos de información multimedia e multilingües. Conlevarán unha zona de aparcadoiro e unha marquesina. A Universidade de Santiago de Compostela está a desenvolver os seus contidos.

Nos últimos meses déronse pasos importantes para a posta en marcha da rede TELÉPOLE. Baséase na creación dunha gran central de comunicacións sobre o protocolo IP que vai conectar os 6 parques industriais do programa PARQUE. As empresas poderán acceder a servizos avanzados de telecomunicación que ata o de agora só poden permitirse as multinacionais. O Concello xa adquiriu o equipamento e está a configurar a central.

Pero para todo isto é preciso que os empresarios reciban formación sobre novas tecnoloxías. Por iso, o Concello e a Asociación celebrarán os días 25 e 26 de abril unhas xornadas de información e demostración no centro NODUS.

Iniciativas polo medio ambiente
O Concello está levando a cabo no Ceao un proxecto exemplar a partir dun complexo fotovoltaico-eólico. Tamén está a executar auditorías medioambientais e de seguridade industrial a partir dunha mostra representativa das empresas do polígono. A información resultante está a ser analizada por técnicos da Universidade. "Estas auditorías darannos unha radiografía das empresas do Ceao en materia de xestión ambiental e de seguridade industrial. Vanse facer tamén nos outros polígonos que participan no proxecto e será información especialmente valiosa para saber cales son as medidas a tomar en cada emprazamento", explicou a Concelleira.

Onte comezaron varios cursos vinculados ás novas tecnoloxías. Foron propostos pola Asociación de Empresarios do Ceao, xa que son os que mellor coñecen as necesidades.

 Proxecto Parque