Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Parque dos Paxariños estará rematado a finais deste ano


# Venres, 20/04/2007
O Alcalde e o Conselleiro de Traballo visitaron as áreas rehabilitadas polo obradoiro de emprego no que participaron 44 desempregados

O Parque terá unha pérgola, fontes, iluminación ornamental, miradores, unha área de xogos infantís e máis elementos de lecer.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, visitaron as áreas rehabilitadas polo obradoiro de emprego Natureza Viva para facer realidade o Parque dos Paxariños. O Alcalde anunciou que a finais deste ano estará concluída “esta obra histórica”. A gran área verde contará cunha pérgola -xa rematada-, fontes e manantiais, miradores, columpios, iluminación ornamental, así como muros que reproducen os cubos da Muralla. A Concelleira de Emprego, Eva Real, e o Delegado da Consellería en Lugo, Miguel Vázquez Calvo, acompañáronos na visita.

López Orozco anunciou que o Concello xa é propietario de 42.000 metros cadrados en Paxariños dos 45.000 existentes. Estanse a pechar os acordos con 2 propietarios para concluír a adquisición. “Convertemos un cartel que había desde hai 12 anos nunha realidade grazas á colaboración institucional e cos propietarios”, afirmou o Alcalde. O edil lembrou, como cando chegou ó Concello, só existía un cartel indicativo na zona, despois adquiriron 21.000 metros cadrados e, progresivamente, o Concello foi mercando case a totalidade dos terreos.

A Consellería de Traballo investiu un total de 791.324 euros no desenvolvemento deste obradoiro de emprego que tivo por obxectivo a restauración das ladeiras da Ronda das Fontiñas. Antes de visitar o parque, as autoridades entregaron no local social que ten o Concello na avenida das Fontiñas os diplomas correspondentes. 44 desempregados maiores de 25 anos participaron neste obradoiro.

O Alcalde destacou que “a inserción laboral foi do 42 %”, e iso que aínda non pasaron os 6 meses despois da finalización do proxecto que teñen que transcorrer para medir a inserción total. O Conselleiro considera que a cifra final de inserción no mercado acadará o 70%.

Este tipo de proxectos busca mellorar as condicións de acceso ó mercado laboral dos desempregados e a dinamización socioeconómica do ámbito territorial no que se desenvolven.

No obradoiro Natureza Viva impartíronse as especialidades formativas de albanelería, xardinería e cantería. Para que as alumnas e os alumnos traballadores participantes acaden a formación prevista nas correspondentes especialidades formativas, realizaron as tarefas necesarias para a restauración das ladeiras situadas na Ronda das Fontiñas.

Rematado o Obradoiro de Emprego Natureza Viva , un Plan de Inserción Laboral e Emprego Social (PILES) -formado por personas con maior dificultades na inserción laboral- estase a ocupar da parte final do traballo.


Os obradoiros de emprego en cifras

Durante a súa visita, Varela informou de que na provincia de Lugo se puxeron en marcha en 2007 un total de 31 obradoiros de emprego, ós que se destinou un orzamento total de 9,1 millóns de euros. Isto supuxo un incremento do 25% sobre o presuposto dedicado o ano pasado, no que se financiaron un total de 25 proxectos de obradoiros de emprego.

En canto ás cifras de obradoiros de emprego de Galicia, -dixo o representante da Xunta- para este ano proxectáronse un total de 140 iniciativas de formación e emprego, fronte ás 114 que se desenvolveron en 2006. Para a posta en marcha das actividades deste 2007, a Consellería de Traballo destinou máis de 43 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 13%, puntualizou Varela.


O Conselleiro destacou que o número total de desempregados lucenses beneficiarios dos distintos proxectos mixtos de formación e emprego promovidos pola Consellería de Traballo para ano son 970, e salientou a presenza das mulleres, xa que “representan un 60,82% do total de participantes”. No caso de Galicia, o número de beneficiarios deste tipo de medidas de empregabilidade é de 4.590 desempregados, dos cales o 61,22% son mulleres, precisou.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova