Cargando....
Concello de Lugo
07/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Comezan o curso de maxia, de música e os de linguaxe de signos organizados por Xuventude


# Venres, 02/02/2007
O primeiro será na Casa da Música e os outros no Uxío Novoneyra

Mañá, sábado, comezarán os cursos organizados pola Concellería de Xuventude, que dirixe Rosana Rielo, nos que se oferta unha formación orientada a diferentes saídas no mercado de traballo e que completan os de tipo musical que se imparten na Casa da Música.

Algúns cursos repiten temáticas abordadas en anteriores edicións que tiveron moita demanda entre a xuventude lucense. É o caso dos Cursos de Monitores de Tempo Libre ou de Linguaxe de Signos. Outros son pioneiros na cidade, como o Curso de Maxia.

Será este curso de maxia o primeiro que de comezo, mañá sábado, na Casa da Música, é que se prolongará até o 28 de abril. Será todos os sábados de 11:30 a 13:00 horas.

Os seguintes cursos que darán comezo serán os de linguaxe de signos. O de primeiro nivel iníciase o luns, de seis e media a nove tamén na Casa da Música. Será os luns e mércores, mentres que o venres o horario será de 17:30 a 20:30 horas. Ademais, o de iniciación II será os martes e xoves no Centro Social Uxío Novoneyra de seis e media a nove

Todos os cursos son gratuítos e a inscrición está pechada nestes primeiros, aínda que permanece aberta para aqueles que se celebrarán con posterioridade. O único requisito é estar censado en Lugo ou ben estudar ou traballar na nosa cidade.

O curso de maxia é o máis novidoso, xa que se trata do primeiro organizado polo Concello. Para iso contouse como monitor co Mago Rafa, un profesional recoñecido que actualmente foi reclamado nas Illas Canarias como profesor para as xornadas de maxia. O Concello aposta pola maxia despois dos éxitos recolleitados con "Lugo Máxico", que converteu á nosa cidade nunha das capitais españolas da maxia, e tendo en conta que "Lugo exporta magos".

Serán un total de 20 persoas, de entre 14 e 30 anos, as que participarán neste curso, que rematará cunha actuación dos alumnos.

Haberá tamén tres cursos de monitores de tempo libre a diferenza doutros anos que se celebraba só 1. Terán unha duración de 350 horas (200 horas lectivas + 150 de prácticas). Dous deles serán de Monitores de Tempo Libre en horario de semana e de fin de semana -que era outra das demandas dos alumnos-. Ademais, e como novidade, haberá un curso de Directores de Tempo Libre -para o que é necesario ser monitor-. Todos están dirixidos a persoas de entre 18 e 30 anos e hai un total de 25 prazas por curso.

O Concello convocou tamén un curso de curtametraxes hai 2 anos con moita aceptación. Ten unha duración de 32 horas, comezará o 2 de marzo e rematará o 18 de maio. Impartirase na Casa da Música os venres polas tardes desde o 2 de marzo ata maio. Como colofón, os alumnos gravarán unha curtametraxe a fin de semana do 5 e 6 de maio. Hai un total de 20 prazas para este curso, destinado a mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos.

Ademais do de maxia, a Casa da Música contará con varios cursos que comezan a próxima semana:

•Curso de Guitarra - martes de 18.00h a 20.00h.
•Curso de Percusión - mércores de 18.00h a 20.00h.
•Curso de Baixo eléctrico - xoves de 18.00h a 20.00h.
•Curso de Técnica Vocal - venres de 16.00h a 18.00h.

Hai 8 prazas por curso. O presentado hoxe de Técnica Vocal, ó igual que os outros de tipo musical, está destinado a mozos de entre 12 e 30 anos. O curso comezará a principios do mes de febreiro e rematará a finais de xuño.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova