Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Remata este mércores o prazo para inscribirse na viaxe á neve


# Martes, 06/03/2007
A Concellería de Xuventude organiza esta viaxe para a mocidade lucense por quinto ano consecutivo

O prazo de inscrición para participar na viaxe á neve que organiza a Concellería de Xuventude permanecerá aberto ata este mércores. Esta excursión está destinada aos mozos lucenses de entre 15 e 30 anos e celébrase por quinto ano consecutivo. Nesta edición os beneficiarios gozarán dunha estancia de tres xornadas na estación de esquí de San Isidro os días 16, 17 e 18 de marzo.

Este ano ofértanse un total de 100 prazas, que se repartirán a metade entre o grupo de menores de idade e o de maiores de 18 anos. Un dos requisitos fundamentais é que as persoas que se apunten por vez primeira terán prioridade sobre os que xa participaran en edicións anteriores. No caso de que as solicitudes superen as prazas, realizarase un sorteo entre os inscritos.

O prazo de inscrición foi aberto o día 27 de febreiro de 2007. Outras condicións, ademais da idade, son: estar empadroado en Lugo ou, no seu defecto, certificar que se traballa ou estuda na cidade. Poderán inscribirse os mozos que perciban menos de 1.000 euros mensuais.

Os prezos da viaxe están fixados dependendo das condicións socioeconómicas dos mozos, pois “trátase de proporcionar aos mozos máis desfavorecidos economicamente a oportunidade de gozar dunha viaxe a neve”, tal e como sinalou a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo. Deste xeito os traballadores maiores de 16 anos que perciban uns ingresos mensuais superiores ao salario mínimo interprofesional só terán que aboar 125 euros. Para os estudantes que perciban algún tipo de bolsa, o prezo redúcese a 65 euros. O prezo xeral é de 80 euros.

A viaxe, ademais do transporte e do aloxamento con pensión completa, inclúe o aluguer do equipo, o forfait e un curso de esquí de dúas horas diarias. O grupo de viaxeiros irá acompañado en todo momento por dez monitores.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova