Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Avanzan a bo ritmo as obras da minicentral e do museo na Fábrica da Luz


# Luns, 14/05/2007
O Alcalde destaca que Lugo contará cunha rede de museos interactivos como este e outros in situ

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Promoción Económica, Eva Real, visitaron as obras de rehabilitación integral que o Concello de Lugo está a executar no edificio que acollerá a minicentral e o futuro Museo da Fábrica da Luz. O prazo de execución das obras é de 11 meses e o seu orzamento acada 1.148.852 euros. Para o seu financiamento, o Concello conta cunha subvención do 75% dos fondos europeos FEDER.

O edificio da Fábrica da Luz, de corte racionalista, é obra do arquitecto Maquieira e ten unha superficie de 760 metros cuadrados. A interactividade será a nota dominante e característica do Museo da Fábrica da Luz.

“Segundo temos unha rede de museos in situ como a Casa dos Mosaicos ou San Roque, teremos tamén unha rede de museos interactivos que aplican as novas tecnoloxías, como o Museo Interactivo da Historia de Lugo que imos construír en Frigsa e a Fábrica da Luz”, adiantou o Alcalde. O crecemento dos museos xustifica para López Orozco “a creación desa empresa municipal de cultura e turismo que queremos facer para o próximo mandato, apostando ademais polo turismo de calidade”.

Na visita ás obras, o Alcalde explicou que, para os módulos de exposición do museo, o Concello conta a maiores con 300.000 euros. O 70% desta cantidade tamén será subvencionada polos fondos FEDER para exposicións permanentes.

Configuración do museo

O Museo da Fábrica da Luz organizarase en torno a unha planta de soto que se construirá ó efecto e unha planta baixa xa existente.

Para evitar interferencias entre a actividade de museo e a actividade semi-industrial, estas serán independentes e realizaranse en plantas diferentes. Para esta última, o goberno local vai habilitar unha planta superior, respectando as alturas que ten o edificio actualmente. Acollerá unha nova planta que será independente do museo e que estará destinada á empresa que explote a minicentral.

“Queremos reflectir no museo o uso que ten a auga, fundamentalmente o uso industrial. Por unha banda poremos a funcionar unha das turbinas e, por outra, explicaremos, a través das novas tecnoloxías, outros usos que pode ter a auga”, afirmou o Alcalde.

A visita ao museo comenza coa baixada ó soto, a través dun ascensor panorámico, para facer unha regresión no tempo. Esta baixada quere representar que o visitante se sumerxe fisicamente no río, para entender mellor as culturas da auga, xeradas na historia mediante a interacción do home coa natureza.


Xa no soto, o visitante poderá observar unha reprodución a pequena escala da turbina máis antigua instalada na minicentral. Así, cando esta non poida funcionar, unha pequena reprodución a escala fará o mesmo cometido. Para lograr que o efecto sexa máis real, construirase un canal que atravesará a planta do soto. Polo canal discurrirá a auga que impulsará o movemento da turbina. Este efecto será perceptible para o visitante a través dun cristal colocado no solo.

Na planta do soto atopamos tamén, a sala multimedia, disposta a través dunhas bancadas con capacidade para 40 persoas e destinada a actos múltiples.

Nesta sala emitirase un vídeo multimedia con audio para contextualizar historicamente a importancia da electricidade e o cambio que supuxo na vida das persoas. Con este vídeo o Concello renderá un tributo á Fábrica da Luz, polo papel señeiro que desempeñou no proceso de electrificación da cidade.

Xa na planta baixa podemos diferenciar varias zonas:

•A zona de recepción e tenda.
•A zona de máquinas dotada de iluminación escénica.
•A sala de exposicións permanentes. A sala de exposicións estará separada da zona de máquinas por un cristal capaz de amortiguar o ruido que producen as máquinas. Por medio dunha electrónica especial para vídeo-wall, este cristal utilizarase ademais como superficie de proxección.

O Museo da Fábrica da Luz dedícalle un espazo aos mais pequenos: dúas aulas de carácter interactivo intentarán estimular aos nenos para que participen, descubran e, así, aprendan xogando.

Nestes momentos, o Concello está a elaborar os módulos interactivos que integrarán a exposición permanente do Museo. Inclúe a produción dun vídeo multimedia sobre a Fábrica da Luz, con realidade virtual para reproducir en 3D, elementos integrantes da primitiva fábrica e do muíño.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova