Imprimir

AS CONCELLERÍAS DE XUVENTUDE E EMPREGO CONSEGUEN O PROXECTO EUROPEO DE FORMACIÓN LUGOQUALITAS CUNHA CUALIFICACIÓN EXCELENTE


23/7/2007 Está dirixido a mozas e mozos titulados de formación profesional e técnicos universitarios e será subvencionado polo programa Leonardo Da Vinci

As Concelleiras de Xuventude, Carmen Basadre, e Emprego, Sonia Méndez, presentaron o proxecto de formación europea para a cualificación da xuventude lucense promovido polo Concello de Lugo: lugoqualitas.

Trátase dun proxecto que ten un orzamento de 87.900 euros dos cales 69.910, serán subvencionados polo programa Leonardo da Vinci.

Está dirixido a mozas e mozos titulados de formación profesional e a técnicos universitarios, tendo especial valoración o colectivo feminino, que viaxarán ata Italia, Reino Unido e Polonia onde recibirán formación e farán prácticas en empresas deses países. Sonia Méndez, destacou que “a intención do Concello é competir cunha mocidade cualificada e cunha formación excelente, e nunca con salarios baixos”

O período de práctica é de 13 semanas e comezarán en abril do ano 2008. O prazo para a solicitude está previsto que sexa público en xaneiro do vindeiro ano, momento no que se coñecerán as bases que recollen os requisitos que teñen que cumprir os interesados.

EMERXE

Carmen Basadre, pola súa banda, tamén anunciou a concesión por parte da Consellería de Traballo dunha axuda para a posta en marcha dun programa experimental en materia de emprego, Emerxe.

O obxectivo deste programa é a formación de mediadores que faciliten a integración social da poboación inmigrante, as minorías étnicas e as persoas sen teito. De feito este perfil terá preferencia para acceder a este curso de formación.

A selección dos participantes será a través do Servizo Público de Emprego.

Balance moi positivo

A Concelleira de Muller, Benestar Social e Xuventude, tamén presentou un balance “extraordinario” do funcionamento das ociotecas e Aulas abertas da cidade polas que xa pasaron máis de 1.000 cativos. “Neste momento superáronse todas as expectativas e están cubertas todas as prazas das actividades”.

As Aulas Abertas e as ociotecas permiten que as nais e os pais teñan máis facilidade para conciliar a vida laboral e familiar. Estes centros preparan excursións, visitas a museos e exposicións, e incluso xornadas de convivencia con outros rapaces. De feito, Carmen Basadre salientou a solidariedade que demostran estos cativos “nas aulas potenciase a convivencia e o respecto cara a multiculturalidade”.

Reedición do Muralla Rock

A reedición do Muralla Rock y motos, foi outra das novidades que presentou Carmen Basadre. “Recuperaremos o espírito deste festival que terá lugar na primeira quincena de setembro”.

Xa adiantou que a súa Concellería está a ter contactos con clubes internacionais para a celebración dunha concentración de motos internacional, como xa se fixera na primeira edición do Muralla hai cinco anos.

O prazo para a inscrición dos grupos de música está aberto ata o día 14 de agosto na Casa da Música, na web municipal e no 010.

Basadre tamén dixo que estaba aberto o prazo para a inscrición á excursión ó parque acuático de Cerceda que será o día 31 de xullo para rapaces de entre 12 e 17 anos, e o 22 de agosto para mozos de entre 18 e 30 anos. Son viaxes gratuítos, en autobus -que sairá dende a rúa Dinán ás 9:30 horas-. O prazo para a inscrición remata o 30 de xullo ás 12:00 para o primeiro grupo e o 17 de agosto ás 14:00 horas para o segundo.

Os que desexen facer esta excursión deberán inscribirse no Centro Social Uxío Novoneyra (3º andar).