Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo dará continuidade á súa política de emprego coa creación dun servizo de formación e orientación laboral permanente


# Mércores, 22/08/2007
A inserción laboral dos participantes nas accións formativas do programa Lugo Social acada o 49%

A Alcaldesa Accidental, Sonia Méndez, presidiu a reunión do órgano plenario de Lugo Social, que se celebrou hoxe, ás 11:30 horas, nas instalacións do CEI. Á reunión asistiron representantes das once entidades que participan neste proxecto liderado polo Concello de Lugo e no que se integran representantes do empresariado lucense (CEL, Ceao, Asociación de Mulleres Empresarias), dos sindicatos, da Universidade e doutras entidades sen ánimo de lucro (Cruz Vermella, FAPACEL, COGAMI, Fundación mulleres).

Sonia Méndez informou dos distintos acordos adoptados na xuntanza, entre os que destaca a decisión de dar continuidade o proxecto Lugo Social, que finaliza o 31 de decembro, coa creación dun servizo de formación e orientación laboral permanente: o Servizo de Xestión dos Plans de Inserción.

Esta iniciativa servirá para unificar os programas de inserción laboral desenvolvidos polo Concello de Lugo e aproveitará a metodoloxía utilizada por Lugo social para os futuros proxectos e, ademais, contará coa participación directa das entidades que integran Lugo Social. A Alcaldesa Accidental explicou que: “debido á gran implicación das entidades socioeconómicas lucenses, temos que dar continuidade a este proxecto e debe ser liderado polo Concello de Lugo que ven desenvolvendo un modelo de cercanía co cidadá e de trato personalizado”.

Doutra banda, Sonia Méndez ofreceu un balance das accións formativas encadradas en Lugo Social e que se están acadando uns índices de inserción elevados (o 49% de colocación), ademais de producirse un notable nivel de retorno ao sistema educativo entre os participantes. “Na actualidade, aínda se están a desenvolver tres cursos de formación que rematan en novembro polo que se espera que a porcentaxe de inserción laboral aumente a finais de ano”, tal e como manifestou Méndez.


O proxecto Lugo Social ofrece un plan integral de asesoramento e orientación laboral, que inclúe un importante programa formativo elaborado en atención aos perfís profesionais máis demandados polas empresas. Estas accións van dirixidas aos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado laboral como son a mocidade, as mulleres e os inmigrantes.

Coa creación do novo Servizo de Xestión dos Plans de Inserción, darase continuidade á metodoloxía do proxecto Lugo Social, por exemplo:
- Elaborando un itinerario personalizado e completo de inserción que responda ás necesidades específicas de cada persoa;
- Apostando pola formación nos sectores profesionais máis demandados polo mercado de traballo (por exemplo, electricidade, fontanería, panadería, cociña tradicional, rehabilitación mobiliario urbano, etc) e ofrecendo prácticas en empresas lucenses.
- E ofertando formación complementaria en habilidades sociais e novas tecnologías.

Fomento da responsabilidade social das empresas
Doutra banda, Sonia Méndez anunciou a celebración en Lugo das Xornadas Transnacionais “Muller, emprego e calidade social” durante os vindeiros días 27 e 28 de setembro, que servirán para poñer en común as distintas iniciativas elaboradas por Grecia e pola cidade de Trabanca (Salamanca) en materia de integración laboral da muller.

As xornadas teñen como finalidade fomentar as políticas de responsabilidade social nas empresas, polo que se darán a coñecer distintas iniciativas que se relacionan coas boas prácticas empresarias como: a calidade de vida laboral; a conciliación da vida familiar; os plans de igualdade; a protección do medioambiente; ou accións en prol da comunidade onde está instalada a empresa; entre outras. O Concello aposta pola difusión destas iniciativas inspiradas na ética empresarial e que exemplifican a eficacia da conciliación dos intereses empresariais e os principios sociais.

A Alcaldesa Accidental salientou que “o Concello quere contribuir a que as empresas de Lugo obteñan certificados de excelencia empresarial e a que fagan unha aposta seria pola responsabilidade social, implantando medidas de mellora do benestar social e da sostibilidade”. Sonia Méndez lembrou que este é un compromiso do goberno municipal recollido no capítulo de Fomento de Emprego de Calidade da Axenda 21.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova