Cargando....
Concello de Lugo
18/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participa na inauguración do XVI Congreso da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais


# Xoves, 20/09/2007


O XVI Congreso da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais Abrir novos espazos e sacudir os comportamentos, que se celebra na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo e que reunirá ata o vindeiro sábado 22 a mais de 250 expertos, foi inaugurado este xoves, día 20.

Ao acto oficial asistiron o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela; o Alcalde de Lugo, José López Orozco; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga; o presidente da Sociedade Española de Medicina e Seguridade no Traballo, Francisco de la Gala e o profesor de Medicina Preventiva e organizador do evento, Carlos Quintas Fernández.

O Alcalde deulles a benvida a todos os participantes no Congreso e agradeceulles o seu traballo “na prevención dos riscos dos demais. É un traballo marabilloso o que fan vostedes”. López Orozco dixo que nalgunha ocasión un empresario lle dixera a frase que calquera mandatario desexa oir en relación cos riscos laborais, “aquí, accidentes cero”.

Este congreso pretende ser un foro onde se debata a realidade da Seguridade e da Saúde no Traballo, desde as distintas perspectivas que configuran as especialidades de Medicina no Traballo, Seguridade, Hixiene e Ergonomía e Psicosocioloxía.

Deste xeito o programa inclúe mesas de debate, relatorios e talleres de traballo en diferentes aspectos como o tabaco, a hixiene industrial, os riscos biolóxicos, as vacunas ou a xurisprudencia, entre outros.

As actividades previstas para este venres 21 comezarán ás 9:00 horas coa celebración dunha mesa redonda sobre o control biolóxico na vixiancia da saúde e deseguido noutra mesa debaterase sobre os riscos biolóxicos e os dispositivos de seguridade. O tempo restante de mañá dedicarase a discutir sobre as vacinas no medio laboral e sobre a situación actual da prevención de riscos laborais nas distintas administracións.

Na quenda de tarde celebraranse os relatorios de representantes de diferentes empresas como Mutua Galega, Asepeyo, Fraternidad-Muprespa, MC, Fremap e Unipresalud e as 17:15 terá lugar unha mesa redonda dedicada aos aspectos xurídicos da Seguridade e da Saúde Laboral, na que se falará sobre as responsabilidades e as novidades lexislativas ao respecto. A esa mesma hora tamén esta prevista a celebración da asamblea da Sociedade Española de Medicina e Seguridade do Traballo. Posteriormente, e ainda que o congreso non remata ata o sábado 22, ás 19:30 horas clausuraranse oficialmente as sesións científicas nun acto presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre.

A organización do congreso incluiu no programa, ademais das actividades científicas, unha serie de actividades sociais, coas que os asistentes ao congreso visitarán o Balneario de Lugo e as Termas Romanas, a muralla e o casco histórico da cidade e outras zonas da provincia como a Comarca de Lemos e os Cañóns do Sil, entre outros.

Recepción no Concello

O Alcalde de Lugo recibiu na Casa consitorial a todos os participantes neste Congreso que trae á cidade a numerosos profesionais ó longo de tres días.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova