O II Festival Muralla Rock & Motos despídese con máis concertos e unha concentración moteira internacional
# Venres, 14/09/2007
O Concello poñerá en servizo dous autobuses adaptados para as persoas con diversidade funcional
Celebrarase un acto de irmanamento entre o festival e a asociación moteira europea Gremium Motorcycle Club Europe
O sábado, día 15 de setembro, despídese o
II Festival Muralla Rock & Motos con máis concertos e unha concentración moteira internacional que realizará un percorrido polas rúas da cidade.
O cartel da última xornada do Muralla conta con actuacións de primeiro nivel cos míticos grupos de Saratoga, Stravaganzza, Talesien, Beethoven R e Ñú. Os responsables de abrir os concertos serán os lucenses Killers, Maldia, Estrella Negra e Sen Berce.
O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias instalará unha caseta para repartir de xeito gratuíto de vasos de plásticos e ofrecer asesoramento.
O Concello ampliará o servizo de autobuses habilitado por motivo do festival, con dous autobuses adaptados para facilitar a asistencia aos concertos as persoas con discapacidade funcional. As tres liñas de autobuses sairán desde a Praza de Santo Domingo a partir das 20:00 horas, cunha frecuencia de 30 minutos, hacia as instalacións do festival.
Este servizo completará á liña número 6, que funciona habitualmente entre Montirón e a Cheda e parte desde San Marcos cunha frecuencia dunha hora desde as 7:45 horas ata as 21:45 horas da noite.
Acto de irmanamentoO sábado acollerá a concentración internacional de motos que congregará a moteiros de toda España e diversos puntos de Europa. Está prevista a chegada progresiva de motocicletas ao longo do día, pero o espectáculo inundará as rúas da cidade a partir das 20:30 horas.
Os moteiros reuníranse no aparcadoiro do Recinto Feiral desde o que partirán ás 20:30 horas nun desfile cara o centro da cidade co seguinte percorrido: rúa Marqués de Ombreiro, praza da Fonte dos Ranchos, rúa Chantada, rúa Montevideo, e a rúa Quiroga Ballesteros pola que dirixirán á praza da Soidade, onde realizarán unha parada e os lucenses terán a oportunidade de contemplar auténticas xoias motorísticas.
O regreso está previsto para as 22:30 horas percorrendo a praza de Santo Domingo, a Ronda da Muralla, a rúa Germán Alonso, a praza da Fonte dos Ranchos e conducíndose por Marqués de Ombreiro ata as instalacións do festival.
Entre os motoristas destaca a presencia de sesenta membros do Gremium Motorcycle Club Europe, asociación europea que solicitou á Concellería de Xuventude un irmanamento co Festival Muralla Rock & Motos. Este achegamento celebrarase cun acto oficial, que terá lugar a partir das 23:00 horas, no que a Concelleira de Xuventude, Carmen Basadre, entregaralle ao representante do club un agasallo instituicional e unha placa conmemorativa.
O Gremium Motorcycle Club Europe é unha das asociacións moteiras máis importantes do mundo xa que agrupa a motociclistas de países europeos como Alemaña, Italia, Polonia, Eslovenia, Austria, Luxemburgo e España, entre outros.
Para mais información sobre os grupos pódese consultar a web municipal, www.lugo.es.
Compartir: