O goberno municipal aprobará o PXOM axustándose á nova normativa medioambiental
# Mércores, 17/01/2007
Cando a nova documentación esixida por Medio Ambiente esté completa, contestaranse ás alegacións
A Consellería de Cultura foi a única de 18 administracións que aínda non enviou o seu informe ó Concello porque o Plan está en cd-rom e non en papel.
O Concello de Lugo terá un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal comprometido co medio ambiente e que primará a nova lexislación medioambiental. Así o explicou hoxe o Concelleiro de Urbanismo, José Ramón Gómez Besteiro, quen deu conta do tratado na Comisión de Planeamento celebrada esta mañá na que participaron todos os grupos políticos municipais, o equipo redactor do Plan Xeral e técnicos do Concello. O goberno municipal axustará o documento á nova normativa medioambiental para, a continuación, poder contestar con rigor as alegacións.
A Comisión de Planeamento avaliou principalmente se o Concello podía dar cumprimento ó novo informe medioambiental que esixe cambios para continuar tramitando o PXOM. O equipo redactor confirmou que está capacitado para preparar esta documentación medioambiental anexa, polo que vai avaliar nos próximos días o custe económico e o prazo de entrega.
José Ramón Gómez Besteiro explicou que o goberno municipal adoptará unha posición de máxima coherencia: "Hai que rectificar o que haxa que rectificar nos informes que nos mandaron doutras administracións e hai que complementar os informes que pide Medio Ambiente. Hai que facelo de forma completa e xa. E, unha vez que teñamos contestados todos os informes, é cando podemos dar cumprimento a todas as alegacións". Esta orde débese "a que senón estariamos contestando a unhas persoas cando aínda non sabemos qué lles temos que contestar".
A vontade do equipo de goberno é aprobar o Plan Xeral antes de que remate esta lexislatura pero, primeiro, o documento ten que adaptarse á nova normativa medioambiental: "Queremos cumprir medioambientalmente, que non haxa ningunha eiva medioambiental, nin sequera sospeitas", afirmou o responsable de Urbanismo coa fin de que Lugo teña un Plan Xeral sólido e legal.
Outros asuntosA Comisión de Planeamento estudou os informes recibidos das diferentes administracións implicadas na aprobación do novo Plan Xeral de ordenación Municipal. Analizáronse tamén as alegacións dos municipios lindantes, en concreto a única existente: a de Outeiro de Rei. Fixo unha reclamación territorial -tema que se reconduce nunha comisión de deslinde- e outra sobre viarios que conectarán os dous municipios.
Con respecto ó Ministerio de Fomento, tivéronse en conta os novos viarios da cidade que terán que reflectirse no novo Plan. Son exemplos a autovía Lugo-Santiago, a circunvalación que se está a construír entre Mar Cantábrico-Garabolos, a nova ponte, enlaces no nó viario da Tolda, etc.
Cultura non contestouO Concelleiro de Urbanismo explicou que outro dos temas tratados foi "o comportamento irracional" da Consellería de Cultura. Trátase da única administración das 18 consultadas que non enviou o seu informe sobre o Plan Xeral de Lugo ó estar en cd-rom e non en papel.
Besteiro amosou a súa extrañeza por este modus operandi tan arcaico no século XXI, cando precisamente se priman as novas tecnoloxías fronte á tala de árbores. "Pero non vai ser un problema para tramitar o PXOM. Se queren papel, terán papel", dixo o Concelleiro, quen apelou ó "sentidiño común" e á responsabilidade da Consellería. É máis, por unanimidade a Comisión de Planeamento deu un prazo dun mes para que a Consellería de Cultura envíe o seu informe, tal e como propuxo o partido socialista nesta comisión.
Compartir: