Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O goberno municipal aprobará o PXOM axustándose á nova normativa medioambiental


# Mércores, 17/01/2007
Cando a nova documentación esixida por Medio Ambiente esté completa, contestaranse ás alegacións

A Consellería de Cultura foi a única de 18 administracións que aínda non enviou o seu informe ó Concello porque o Plan está en cd-rom e non en papel.

O Concello de Lugo terá un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal comprometido co medio ambiente e que primará a nova lexislación medioambiental. Así o explicou hoxe o Concelleiro de Urbanismo, José Ramón Gómez Besteiro, quen deu conta do tratado na Comisión de Planeamento celebrada esta mañá na que participaron todos os grupos políticos municipais, o equipo redactor do Plan Xeral e técnicos do Concello. O goberno municipal axustará o documento á nova normativa medioambiental para, a continuación, poder contestar con rigor as alegacións.

A Comisión de Planeamento avaliou principalmente se o Concello podía dar cumprimento ó novo informe medioambiental que esixe cambios para continuar tramitando o PXOM. O equipo redactor confirmou que está capacitado para preparar esta documentación medioambiental anexa, polo que vai avaliar nos próximos días o custe económico e o prazo de entrega.

José Ramón Gómez Besteiro explicou que o goberno municipal adoptará unha posición de máxima coherencia: "Hai que rectificar o que haxa que rectificar nos informes que nos mandaron doutras administracións e hai que complementar os informes que pide Medio Ambiente. Hai que facelo de forma completa e xa. E, unha vez que teñamos contestados todos os informes, é cando podemos dar cumprimento a todas as alegacións". Esta orde débese "a que senón estariamos contestando a unhas persoas cando aínda non sabemos qué lles temos que contestar".

A vontade do equipo de goberno é aprobar o Plan Xeral antes de que remate esta lexislatura pero, primeiro, o documento ten que adaptarse á nova normativa medioambiental: "Queremos cumprir medioambientalmente, que non haxa ningunha eiva medioambiental, nin sequera sospeitas", afirmou o responsable de Urbanismo coa fin de que Lugo teña un Plan Xeral sólido e legal.

Outros asuntos
A Comisión de Planeamento estudou os informes recibidos das diferentes administracións implicadas na aprobación do novo Plan Xeral de ordenación Municipal. Analizáronse tamén as alegacións dos municipios lindantes, en concreto a única existente: a de Outeiro de Rei. Fixo unha reclamación territorial -tema que se reconduce nunha comisión de deslinde- e outra sobre viarios que conectarán os dous municipios.

Con respecto ó Ministerio de Fomento, tivéronse en conta os novos viarios da cidade que terán que reflectirse no novo Plan. Son exemplos a autovía Lugo-Santiago, a circunvalación que se está a construír entre Mar Cantábrico-Garabolos, a nova ponte, enlaces no nó viario da Tolda, etc.

Cultura non contestou
O Concelleiro de Urbanismo explicou que outro dos temas tratados foi "o comportamento irracional" da Consellería de Cultura. Trátase da única administración das 18 consultadas que non enviou o seu informe sobre o Plan Xeral de Lugo ó estar en cd-rom e non en papel.

Besteiro amosou a súa extrañeza por este modus operandi tan arcaico no século XXI, cando precisamente se priman as novas tecnoloxías fronte á tala de árbores. "Pero non vai ser un problema para tramitar o PXOM. Se queren papel, terán papel", dixo o Concelleiro, quen apelou ó "sentidiño común" e á responsabilidade da Consellería. É máis, por unanimidade a Comisión de Planeamento deu un prazo dun mes para que a Consellería de Cultura envíe o seu informe, tal e como propuxo o partido socialista nesta comisión.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova