Imprimir

O 23 DE FEBREIRO COMEZARÁ A DEMOLICIÓN DO ANTIGO MATADOIRO DE ABELLA


14/2/2007 Marcará un antes e un despois no desenvolvemento urbanístico e crecemento do barrio

O Concelleiro de Urbanismo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe, despois dunha reunión cos responsables da demolición do antigo matadoiro de Abella, que estes traballos comezarán o 23 de febreiro. A demolición será custosa: 600.000 euros e permitirá o desenvolvemento definitivo desta zona da cidade. “Abella e a Sur-K son as operacións inmobiliarias máis importantes dos últimos anos en Lugo”, afirmou Besteiro tendo en conta os metros cadrados que suman.

“A demolición do antigo matadoiro de Abella é unha páxina que se supera da evolución de Lugo pero que non forma parte do proxecto de futuro desta cidade”, dixo Besteiro sobre estes importantes traballos que permitirán o desenvolvemento e crecemento de todo o barrio. En total, as instalacións actuais suman 17.000 metros cadrados pero darán paso a un novo barrio con zonas comerciais, rúas amplas, dotacións, áreas verdes, etc.