Cargando....
Concello de Lugo
01/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Consellería de Vivenda e solo e o Concello de Lugo executan no barrio da Tinería de Lugo a maior actuación de rehabilitación integral nun casco histórico de Galicia


# Venres, 16/03/2007
José López Orozco, Anxo Quintana e Teresa Táboas visitaron hoxe as obras

Haberá vivendas de aluguer para mozos e maiores, con espazos comúns e cun centro de día

A previsión é ter completada a rehabilitación en 2010, e no vindeiro trimestre xa estarán listas as primeiras 25 vivendas para o aluguer


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, visitaron hoxe as obras de rehabilitación integral que se están executando conxuntamente no barrio da Tinería, no centro histórico de Lugo. Trátase da maior actuación que se desenvolve en Galicia en materia de rehabilitación no casco histórico dunha cidade, cun investimento de 31 millóns de euros por parte da Consellería de Vivenda e Solo.

Explicaron que esta actuación na Tinería se enmarca dentro da nova política de vivenda que ten en marcha o Goberno galego. O vicepresidente sinalou que os traballos da Tinería poñen de manifesto ademais a clara aposta pola recuperación do patrimonio xa construído, tentando recuperar e revitalizar os cascos históricos de Galicia.

Na rehabilitación do barrio da Tinería, ao igual que nos cascos vellos doutras cidades de Galicia, tres son os obxectivos que se buscan: recuperar o patrimonio arquitectónico do barrio, revitalizar esa zona dende o punto de vista económico e social, e por último, obter vivenda protexida de calidade para poñela a disposición daquelas persoas con máis dificultades.

Actuacións
A Consellería de Vivenda e Solo ten adquiridos na Tinería un total de 52 edificios, que van permitir a obtención dunhas 70 vivendas protexidas. As vivendas dedicaranse ao aluguer para mozos menores de 35 anos. Ademais, este departamento autonómico convocará un concurso de ideas para a ordenación da unidade de intervención UI-8, que albergará a construción dun edificio de vivendas para mozos e maiores, con espazos comúns e que disporá dun centro de día, nunha actuación transversal entre a Consellería de Vivenda e Solo e a Vicepresidencia. A solución integral de ordenación para esa actuación tamén incluirá a rehabilitación do Pazo de dona Urraca, inmoble que terá un uso social que se definirá en breve.

O investimento total -entre adquisición de inmobles e rehabilitación dos edificios- ascende a 31 millóns de euros ata o ano 2010. É o orzamento máis alto en actuacións deste tipo que se está facendo en Galicia, o que pon de manifesto a aposta clara e decidida da Xunta para revitalizar unha zona moi significativa da cidade de Lugo, recuperándoa ademais para uso e disfrute da cidadanía.

Aluguer vivendas
As vivendas rehabilitadas serán vivendas protexidas que se van destinar ao aluguer, preferentemente para mozos e mozas menores de 35 anos. O aluguer será por un tempo máximo de dez anos sen opción de compra, co que se pretende que estas vivendas -de alta calidade arquitectónica e alta calidade na súa situación dentro da cidade- sexan conservadas como patrimonio público para rotar entre a cidadanía. As vivendas serán para demandantes con rendas que non superen uns ingresos de 1.677 euros ao mes. Disporán de entre 1 e 4 dormitorios e haberá tamén vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

O obxectivo é ter completada a rehabilitación da Tinería en 2010. No vindeiro trimestre, entre abril e maio deste ano, estarán xa listas as primeiras 25 vivendas, polo que a Consellería de Vivenda e Solo abrirá o prazo de solicitude para acceder a elas en réxime de aluguer. O seu prezo variará en función da superficie da vivenda e do nivel de ingresos dos futuros adxudicatarios, pero en calquera caso sempre será moi inferior ao do mercado.

Vivenda ten solicitado xa ao concello de Lugo licenza de obra para outros once edificios máis, unha licenza que está agora en período de tramitación, ao tempo que se están redactando os proxectos para outros seis edificios. Os demais inmobles están xa en obras, uns traballos complexos debido ás dificultades que soen ter as obras de rehabilitación, en particular nos centros históricos.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova