Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Comeza o luns a urbanización dos terreos das antigas factorías de Frimisa e Abella


# Mércores, 16/05/2007
O Alcalde e os Concelleiros de Urbanismo e Infraestruturas visitaron hoxe a zona, onde xa remataron as tarefas de demolición

O Alcalde, José López Orozco, e os Concelleiros de Urbanismo e Infraestruturas, José Ramón Gómez Besteiro e José Piñeiro, visitaron hoxe os terreos onde se atopaban as antigas factorías de Abella e Frimisa e onde xa remataron os traballos de demolición.

Segundo anunciaron, os traballos de urbanización dos terreos, previos ao comezo da edificación, darán comezo o luns.

O Alcalde lembrou que o desenvolvemento desta zona supón un salto cualitativo para os barrios da Residencia e Piringalla, xa que servirá de nexo de unión dos mesmos e significará o desenvolvemento urbanístico de máis de cen mil metros cadrados. “Lugo xa non terminará en Abella, como sucedía antes, senón que este novo barrio que se creará se convertirá no motor que necesitaba a zona”, explicou.

Indicou tamén que “esta obra significa non só cambios estéticos para o barrio, senón postos de traballo e desenvolvemento cultural, deportivo e económico”, xa que neste lugar, ademais de vivendas, destinarase o 70% do solo a dotacións. Entre elas figuran viales, zonas verdes, e usos deportivos e educativos.

A obra máis salientable será a construcción dun gran parque acuático, froito dun convenio entre a iniciativa pública e privada, e os edificios estarán rodeados de 35.000 metros cadrados de zona verde, con parques infantís e zonas de esparcemento. Ademais, as propias rúas serán dun ancho similiar aos 23 metros, o que permitirá facer medianeiras con zona verde.

O centro comercial que se construirá no medio deste lugar ofrecerá o impulso económico que necesita esta zona, segundo indicaron os membros do goberno local.

O Alcalde manifestou a súa satisfacción polo desenvolvemento dos traballos e polo que significará para Lugo este proxecto, no que destacou a importancia da iniciativa privada para a súa realización. Agradeceu aos empresarios o traballo realizado con esta operación, “da que todos debemos sentirnos orgullosos polo que significará en servizos públicos”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova