Cargando....
Concello de Lugo
17/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo estudará a proposta de Fomento e quere axilizar ó máximo os trámites para a construción da nova Ponte


# Xoves, 02/08/2007
O novo estudo informativo inclúe o Plan de Carballeiras proposto polo Concello de Lugo

O concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, anunciou a recepción no Concello dun informe do Ministerio de Fomento, que recolle as conclusións da consulta feita a distintos organismos, sobre a necesidade ou non de levar a cabo un estudo de impacto ambiental para a construción da nova ponte sobre o Miño.

Neste proceso de consulta estiveron presentes, entre outros, o Concello de Lugo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a de Calidade e Avaliación Ambiental e ADEGA.

Segundo o Concelleiro de Urbanismo, Fomento considerou algunhas das aportacións medioambientais e fai certos cambios no estudo informativo. Iso si, mantén a alternativa, que previamente seleccionara, como a máis óptima para Lugo. Fernández Liñares recalcou que isto “non quere decir que sexa a definitiva”.

O documento enviado polo Ministerio de Fomento acepta a inclusión do Plan de Carballeiras proposto polo Concello de Lugo, polo que segundo o Concelleiro os técnicos municipais, que revisarán o estudo informativo, en principio non terán obxeccións “a intención do Concello é axilizar o máximo posible esta obra fundamental para Lugo”.

Apreciacións de Fomento
Das consultas feitas á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, este organismo considera que a alternativa un afecta ó conxunto formado pola ponte e as termas romanas. Din, ademais, que as outras dúas alternativas afectan á fonte do Pilar. Neste punto, Fomento considera que este aspecto é solucionable e suxire a posibilidade de trasladar a fonte de lugar.

O Ministerio decide tamén eliminar o enlace en glorieta coa N-543 por unha intersección en T para evitar así calquera afección sobre o xacemento arqueolóxico de Agro da Ponte.

As consultas feitas á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, recollen a realización dun estudo acústico que permita estimar os impactos e fixar as medidas correctoras. Fomento decide incluilo no documento.

Esta Dirección Xeral pide tamén que se fagan uns trazados permeables para a Fauna e que se teñan en conta os caudais fluviais. “Neste senso”, como aclarou o Concelleiro de Urbanismo, “na zona do regato da Chousa introdúcese unha modificación no estudo, incorporando un pequeno viaducto que non altere o caudal fluvial cun recheo”

Na rotonda de enlace coa Avenida de Magoi fai a mesma recomendación en lugar dun recheo.

Con Adega, Fomento ten unha primeira discrepancia na proposta de reducción do número de carrís do novo vial. O Ministerio considera necesarios os catro carrís “tendo en conta o estudo de tráfico realizado e a importancia desta obra para o futuro”.

A Administración central tamén discrepa con esta asociación no referente á peonalización da ponte romana, e indican, como explicou o edil de Urbanismo, que “o estudo informativo non entra nin sale, e que a peonalización é compatible con calquera das tres alternativas”.

Outro punto de desencontro é o relacionado cos factores que afectan á valoración dos impactos de cada alternativa. Para Fomento, Adega non aporta base ou xustificación algunha que poña en cuestión a selección realizada.

Fernández Liñares, explicou que agora os distintos organismos consultados deberán emitir un segundo informe no que expliquen se están dacordo ou non con estas modificacións no estudo informativo.

No caso do Concello xa se fixo un primeiro informe no que se solicitaba a inclusión do Plan de Carballeiras que foi aceptado. Polo tanto, agora os técnicos municipais estudarán o documento pero non se prevé a solicitude de novos cambios. “Temos que ter en conta que é un proxecto moi importante, que promove o Ministerio de Fomento, e a intención do Concello é que se axilicen o máximo posible os prazos”. De feito este informe debe enviarse antes de 20 días.

Consello de Contas
En canto ó informe do Consello de Contas no que se analiza a venda de patrimonio en 10 concellos de Galicia , Fernández Liñares cualificou como “moi positivo que se mencione ó Concello de Lugo como o único que conta cun inventario de bens municipais ben elaborado”.

En canto á venda de patrimonio municipal, o propio informe recolle que están legalmente realizadas, polo tanto “non o entendemos como unha crítica”. O desenvolvemento urbanístico en Lugo foi moi forte e permitiu a venda para pagar, “na maioría dos casos intereses e expropiacións de cidadáns que levaban anos esperando”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova