Imprimir

ARRINCA O LUNS O PROGRAMA DE ALMORZOS SAUDABLES, DO QUE SE BENEFICIARÁN 1.964 ESCOLARES


12/1/2007 O Alcalde e Luisa Zarzuela asistirán a esta primeira xornada no colexio Illa Verde

O luns dará comezo en Lugo a terceira edición dos almorzos saudables, organizados pola Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela. Esta campaña está realizada para promocionar os hábitos saudables entre os escolares.

Así, un total de 1.964 rapazas e rapaces de 6 a 8 anos beneficiaranse deste programa, que se desenvolverá a partir do luns en todos os colexios do Concello. Será ese día o colexio Illa Verde o que abrirá os almorzos saudables. Nesta primeira xornada estarán presentes o Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, a partir das dez da mañá.

O programa seguirá a mesma dinámica que en edicións anteriores, aínda que como novidade o cacao que se repartirá será das tendas de comercio xusto. De feito, unha persoa desta asociación participará no programa explicando aos rapaces a procedencia deste cacao e o funcionamento destas tendas.

Como en anos anteriores, repartiranse aos rapaces lápices e bolígrafos do programa, así como un CD con xogos para poder velo na súa casa cos pais e nos que a mascota do programa, Cunquín, lembra a necesidade de almorzar antes de ir ao colexio.

A Concelleira mostrou a súa satisfacción polo éxito desta convocatoria, que serviu de referencia para a elaboración dun plan a nivel nacional por parte do Ministerio de Sanidade. Así mesmo, a iniciativa foi copiada por outros concellos de Galicia.