A Ministra de Sanidad, Elena Salgado, visitará en próximas datas Lugo para coñecer o funcionamento dos almorzos saudables que celebra o Concello de Lugo dende hai catro anos. Así o anunciou esta mañá o Alcalde, José López Orozco, na visita que realizou con motivo da inauguración desta cuarta edición no colexio Illa Verde.
O Alcalde avanzou tamén a importancia que teñen estes almorzos para concienciar a pequenos e pais da importancia de almorzar correctamente para render completamente no colexio. Así mesmo, indicou que o Ministerio de Sanidade utilizará os almozos saudables de Lugo para crear un programa a nivel nacional.
Durante a visita, estivo acompañado pola Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, creadora e instigadora deste programa, e a de Educación, María Dolores Vieiro. Esta campaña está realizada para promocionar os hábitos saudables entre os escolares. Así o lembrou o Alcalde nas palabras que intercambiou cos rapaces participantes nos almorzos e con outros grupos de maiores.
Así, un total de 1.964 rapazas e rapaces de 6 a 8 anos beneficiaranse este ano do programa, que se desenvolverá dende hoxe en todos os colexios do Concello.
O programa segue a mesma dinámica que en edicións anteriores, aínda que como novidade o cacao que se reparte é das tendas de comercio xusto. De feito, unha persoa desta asociación participa no programa explicando aos rapaces a procedencia deste cacao e o funcionamento destas tendas.
Como en anos anteriores, repártense aos rapaces lápices e bolígrafos do programa, así como un CD con xogos para poder velo na súa casa cos pais e nos que a mascota do programa, Cunquín, lembra a necesidade de almorzar antes de ir ao colexio.